Superar as 700 racións, obxectivo da Festa da Ourella de Lérez
Por Redacción
A parroquia de Lérez acolle por oitavo ano consecutivo a Festa da Ourella, organizada a Asociación de Veciños San Bieito de Lérez, o próximo domingo 16 de marzo no adro do Divino Salvador de Lérez.
A festa iniciarase ás 12.00 horas coa apertura dos postos de venda. Media hora máis tarde, a escritora residente en Lérez, Fina Casalderrey, dará lectura ao pregón da edición deste ano. A continuación desenvolverase unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e a partir das 16.00 horas celebrarase unha sesión discoteca. Durante toda a xornada se encontrarán instalados inchables e un touro mecánico que serán de uso gratuíto.
Este ano presentarase como principal novidade a empanada de ourella e haberá un concurso de Ourella doce con tres premios á mellor preparación. A organización pretende que este ano se superen as 700 racións que se venderon durante a pasada edición. Tamén haberá postos de polbo e churrasco a prezos populares.