Reivindicacións en forma de fotografías
Por Redacción
Coa idea de concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten a loita a prol da igualdade, a Liga Estudantil Galega convidou nesta xornada ao alumnado de Belas Artes a retratarse nun pousadoiro con diferentes lemas reivindicativos.
Frases da intelectual feminista Simone de Beauvoir como 'Non se nace senón que se devén muller' ou 'Quen non se move non sente as cadeas', de Rosa Luxemburgo, xunto con lemas como 'Os dereitos conquistados deféndense, os pendentes esíxense', eran algunhas das alternativas que o sindicato estudantil puxo a disposición do alumnado á hora de fotografarse no pousadoiro ou photocall instalado ás portas da facultade.
Baixo un fondo no que se podía ler 'Contra o patriarcado, feminismo organizado', o alumnado podía posar con media ducida de lemas plasmados en cartolinas para unha fotografía que será exhibida no perfil de Facebook da Liga Estudantil Galega, que nesta xornada tamén desenvolveu esta actividade no IES Sánchez Cantón.