O PP quere saber "que lei ampara" ao Concello para que a concesionaria de xardíns traballe sen contrato
Por Redacción
A explicación ofrecida pola concelleira nacionalista Anxos Riveiro do por que a empresa Elsamex, concesionaria do mantemento e conservación dos xardíns municipais, está a traballar sen contrato dende o 1 de marzo, non convence ao PP. O grupo municipal da oposición sostén que estas afirmacións da edil BNG "contradín explicitamente os informes de Secretaría incluídos no controvertido expediente que existe no Concello sobre este servizo".
Un comunicado denuncia que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "nunca dixo nada desde que hai un ano empezaron estas denuncias e as doutros casos similares" como o contrato de Serviocio nas piscinas de Campolongo ou as filiais de Ferrovial no Pazo de Cultura e no Recinto Feiral. "A única resposta foi a peregrina declaración de Anxos Riveiro", indican.
Os 'populares' anuncian que se non hai unha explicación minimamente convincente nos vindeiros días tentarán que no próximo Pleno municipal "alguén aclare que lei ampara" o proceder do rexedor. Consideran que "non hai ningunha", de modo que queren "que alguén recoñeza e xustifique o interese específico de Lores en que sexa Elsamex e non outra compañía quen manteña e coide os xardíns en Pontevedra".
No comunicado emitido este luns, os 'populares' fan referencia a unhas declaracións nas que Riveiro dixo que "a lexislación recolle a posibilidade de que haxa unha prórroga tácita mentres non se resolve un novo concurso" e respóndenlle á concelleira que "o propio alto funcionario municipal descartou expresamente" esa posibilidade ao analizar a posibilidade de ampliar o contrato á multinacional de capital hindú en dúas ocasións anteriores. Ao respecto, o informe recolle de forma literal: "no noso ordenamento xurídico non caben prórrogas tácitas".
Na opinión dos 'populares', "resulta obvio que a concelleira dixo o pasado venres o primeiro que se lle ocorreu, ao igual que xa fixera hai un ano·. Daquela, tras a primeira denuncia pública do Partido Popular sobre as irregularidades cometidas polo alcalde en relación con este expediente, Anxos Riveiro encargouse de xustificar o controvertido procedemento, aducindo a un suposto ou hipotético aforro, "a todas luces inexistente", e á utilización de presuntos "resquicios legais" para prorrogar o contrato a Elsamex.
O PP denunciou o venres 7 de marzo que, tras dúas ampliacións irregulares do contrato a devandita empresa, concedidas a pesar dos contundentes informes contrarios emitidos por Secretaria e Intervención municipais, o pasado 28 de febreiro chegouse á data de extinción, sen posibilidade legal de prórroga e sen que o equipo de goberno dera ningún paso para resolver a situación. Os populares desvelaron que Elsamex segue a traballar sen contrato e esixiron de novo unha xustificación pública ao alcalde.
Relacionadas:
-
O Valedor dá a razón ao PP na denuncia polas irregularidades no contrato de mantemento de xardíns
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP acudirá ao Valedor do Pobo para que Lores explique as "prórrogas irregulares" a Elsamex
Por Oskar Viéitez |
-
O PP denuncia que a concesionaria do mantemento de xardíns leva unha semana traballando sen contrato
Por Natalia Puga |