Os pacientes de Pontevedra e O Salnés fan 300 consultas telefónicas ao día a médicos de Atención Primaria
Por Redacción
A consulta telefónica é unha realidade dende o 2 de decembro de 2013 para os médicos de familia en todos os centros de saúde de Galicia e no caso da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés recibiu unha boa acollida, realizándose unha media de 300 consultas ao día, un 5,5% do total.
Os datos deunos a coñecer a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés con motivo dunha novidade no servizo. O Servizo Galego de Saúde amplía, a partir deste luns, a consulta telefónica a todos os profesionais de Atención Primaria, coa incorporación a este tipo de axenda de pediatras, matronas, persoal de enfermería e de traballo social.
Dende o Servizo Galego de Saúde eloxian que esta modalidade non presencial, que xa está en marcha para as consultas dos médicos de cabeceira dos centros de saúde de Pontevedra e O Salnés, favorece a accesibilidade dos cidadáns ante un proceso novo (problema de saúde, xestión de receitas, informes...), diminúe os tempos de espera, evita desprazamentos innecesarios, e favorece a conciliación familiar e laboral.
A consulta telefónica consiste en ofrecer a posibilidade, a elección do paciente, de realizar a atención sanitaria por medio do teléfono a quen solicite unha consulta. Se o paciente elixe esta modalidade de atención solicítaselle un número de teléfono onde quere recibir a consulta. Deste xeito, o médico ponse en contacto co paciente no número indicado para atendelo, deixando rexistrados os datos na historia clínica electrónica.