Melloran o firme da Variante de Marín, pola que circulan un mínimo de 5.500 vehículos ao día
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realizará melloras no firme da Variante de Marín (VG-4.4) co fin de mellorar as condicións dunha vía que soporta un tráfico diario mínimo de 5.500 vehículos.
Ao respecto, os datos provisionais facilitados pola Xunta de Galicia indican que unha das estacións de aforos situadas na Variante (a máis próxima a Pontevedra) rexistrou no ano 2013 unha media de 6.819 vehículos por día e a outra (situada preto de Ardán), 5.498 vehículos/día.
Esta actuación, que non comezou aínda a causa das condicións climatolóxicas deste inverno, suporá a extensión na totalidade da calzada de microaglomerado entre os puntos quilométricos 10+300 e 11+100, o que mellorará o coeficiente de rozamento transversal.
A obra, realizada a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), tamén conlevará repintar a estrada desde o punto quilométrico 4+600 ata a intersección coa PO-551 en Ardán.
Todos estes traballos teñen como fin beneficiar aos automobilistas ao seu paso polo vial sinalado, mellorando as condicións de circulación nunha vía que está aberta ao tráfico na súa totalidade dende o ano 2012, no que se puxeron en servizo os 4,4 quilómetros máis próximos a Pontevedra, e que cada ano soporta unha maior cantidade de tráfico, sobre todo nos meses de verán.