"Hai un bo segredo para o caldo, rodearse de xente de Mourente"
Por Redacción
"Hai un bo segredo para o caldo, rodearse de xente de Mourente", aconsellaba este sábado ao pé do Carballo de Santa Margarida un dos cabaleiros da Orde do Caldo Galego de Mourente. Acaba de recibir a súa capa e a súa medalla e xa se transformara no mellor embaixador do prato que cada ano dende fai 23 convértese no rei da festa nesta parroquia pontevedresa.
A XXIII edición da Festa do Caldo arrancou este sábado como o vén facendo dende o ano 2006, coa imposición das capas e medallas da Orde do Caldo e reuniu ao pé da capela e do famoso carballo de Mourente a unha boa representación dos 90 cabaleiros e damas que xa foron nomeados confrades dende a creación desta distinción. Entre eles, o actor Rubén Riós, que recordou que "en Mourente dei eu o meu primeiro pregón hai 7 ou 8 anos" e asegurou que "Mourente é para min un referente".
A deputada provincial Ana Isabel Vázquez acudiu en representación do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, portando a medalla e a capa que lle impuxeron a ela hai dous anos e eloxiou que "temos que sentirnos todos moi orgullosos" da festa á que deron o pistoletazo de saída. Animou a "seguir moitos anos, moitos anos máis que o carballo".
A edil socialista de Pontevedra Carlota Román eloxiou a "asombrosa capacidad de trabajo" dos organizadores da festa e o tenente de alcalde da cámara municipal portuguesa de Peñafiel, fundador da Orde do Caldo, enxalzou que a festa "é boa para a dinámica de Mourente".
Entre os novos hai representación local como o concelleiro do PSOE pontevedrés Agustín Fernández ou o secretario da Asociación de Veciños O Castro, Jacobo Míguez; pero tamén autoridades doutros ámbitos como o director da Escola Naval, Juan Luis Sobrino; o presidente da Deputación de Pontevedra (que non puido acudir e, no seu nome, se entregou a capa ao voceiro do PP local, Jacobo Moreira); o profesor da Universidade de Porto Fernando Silva; Francisco Domínguez Portas; a cantante María do Ceo; María del Pilar Gómez Vergutin; ou María Posada, da empresa Marrón Glacé.
Tras a imposición de capas e medallas, na que actuou como mestre de cerimonias o presidente da Orde do Caldo, Antonio Reguera, os novos confrades acudiron ao recinto no que cada ano se celebra a festa para brindar como manda a tradición, cunha boa cunca de caldo.
Este sábado comezou a festa coa imposición de capas e medallas e a vista ao monumento do caldo e, pola noite, a festa chega da man das orquestras Nevada e Alcázar en forma de verbena. Todo para abrir de boca antes do día grande, este domingo.
Baixo o lema "O que queira caldo quente... que pase por Mourente!", abrirase un festexo que este 2014 ten como pregoeiro ao televisivo Xosé Manuel Piñeiro e no que se espera bater récord de asistentes. Tras o pregón das 13.00 horas e a actuación de grupos folclóricos, a partir de mediodía poderán degustarse cuncas de caldo a 5 euros a cunca de barro e 2 a serigrafiada.