O saneamento de Taboadelo finalizará este ano
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, informou que o Concello prevé poñer en servizo a rede de saneamento en Taboadelo a finais deste ano 2014. Para iso será necesario que acometa as obras este verán das dúas fases que restan por executar.
O primeiro proxecto "Colector en Taboadelo" foi recentemente adxudicado pola Deputación por un importe de 89.540 euros. Este proxecto correspóndese coa construción do colector principal que une este núcleo rural coa parcela na que se situará a EDAR, coa especial dificultade de ter que instalar unha canalización para conservar o regadío existente. O colector para augas fecais terá un diámetro de 315 mm. e unha lonxitude de 250 metros lineais. A canalización para canalizar o regadío terá distintas dimensións en función das necesidades. Prevese tamén o ensanche dese camiño para permitir o acceso á parcela da depuradora.
O segundo proxecto que acaba de saír a licitación tamén por parte da Deputación é a "EDAR de Taboadelo", cun presuposto de 72.693 euros, e que unha vez construída permitirá poñer xa en funcionamento o servizo de rede de sumidoiros para os veciños deste núcleo de poboación.
A previsión do alcalde é que estas dúas fases, que suman un investimento total de 162.233 euros, poidan executarse case simultáneamente durante este verán, para que poida poñerse en servizo antes de finalizar o ano. En Taboadelo, o Concello xa acometeu en anos anteriores varios tramos da rede de rede de sumidoiros cun investimento de 150.000 euros que agora se completará con estas dúas novas fases. En total o investimento global para o saneamento neste núcleo rural ascenderá a máis de 310.000 euros.