Sanxenxo esixe a Portos de Galicia que anule a concesión para o novo proxecto do Náutico
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo mostrou este venres o seu rexeitamento frontal ao novo proxecto presentado polo Real Club Náutico para a construción dos novos peiraos do porto deportivo Juan Carlos I, que pasa por eliminar estacas e trasladar uns metros a plataforma e anunciou que lle esixe a Portos de Galicia "que anule a concesión outorgada para elo".
O Goberno local criticou a conivencia de Portos de Galicia co Real Club Náutico, que considera que actúa de costas ao Concello de Sanxenxo e aos veciños posicionados en contra desta obra."Non se poden tomar decisións nunha reunión convocada de tal xeito que non poidan asistir os xurídicos da Administración local", cuestionan.
Os representantes municipais consideran que Portos de Galicia debe retroceder e asumir a responsabilidade e os custos que leve consigo revogar a concesión "antes de que os traballos estean máis avanzados e sexan máis gravosos para todos os cidadáns".
Ademais, dende o Concello de Sanxenxo solicitarán ao ente autonómico unha copia do novo proxecto para comprobar de primeira man o alcance dos cambios propostos. "Entendemos que se trata de modificacións substanciais con respecto ás autorizadas nun primeiro momento e por elo deben tratarse como tal e darlle a oportunidade ás partes afectadas a alegar contra estes plans", engadiu o Executivo. Considera que "o que non é de recibo é que dende Portos de Galicia se trate estes cambios como non substanciais, privándonos do dereito a manifestar a nosa oposición a esta instalación".
A Administración local recorda que aínda reformando o proxecto, segue incumprindo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), así como o Plan Especial de Ordenación do porto e o seu Plan de Utilización, que aprobou Portos de Galicia.
Á súa vez, o Goberno sanxenxino convocará unha reunión coa Confraría de Pescadores Santa Rosalía para coñecer o seu posicionamento con respecto á pretensión do Real Club Náutico, xa que "o traslado da plataforma desde onde estaba proxectada inicialmente tampouco é unha boa solución, xa que estreitará considerablemente a canle de entrada o que prexudicará seriamente á capacidade para manobrar dos barcos de pesca".