O PP di que ENCE "se precipitou" ao solicitar a prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, considerou este xoves no Parlamento gallego que "ENCE se precipitou ao solicitar ante o Ministerio de Medio Ambiente a prórroga da súa continuidade na actual localización máis alá do 2018". Xustifica esta afirmación en que "non está aínda aprobado o Regulamento de desenvolvemento da Lei de Costas e de facelo neste momento podería xerar inseguridade xurídica".
A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego acolleu este debate a instancia do Grupo Socialista. Neste marco a deputada pontevedresa do PSdeG, Patricia Vilán, acusou ao PP e á Xunta de "incumprir a Lei de Costas" que determina que o goberno galego debe elaborar un informe sobre a ampliación da concesión de Ence en Pontevedra antes do remate de marzo.
No debate da proposición non de Lei do PSdeG, acusou ao goberno de querer converter o informe en "papel mollado".
Pola contra o portavoz popular considerou a proposta defendida polos socialistas galegos de "absurda e perigosa, porque piden que se emita un informe ambiental desfavorable, impoñendo o seu criterio político e sen ter en conta o traballo que terán que facer os equipos técnicos".
Vilán explicou que se o goberno galego non emite este informe antes deste mes xa terá rematado o prazo de tres meses que determina a Lei de Costas dende a solicitude da prórroga, o que fará que o documento "non valerá para nada". Así o dixo logo de que o PP votara en contra da iniciativa socialista para pedirlle á Xunta un informe vinculante desfavorable á presenza da pastera na Ría de Pontevedra.
A deputada socialista acusou á Xunta e ao PP de "dar largas para manter a Ence na ría outros 75 anos" coa súa conivencia e "incumprindo o compromiso de falar coa empresa" para que abandonaran a súa situación actual antes de 2018.
Para rematar, Román Rodríguez afirmou que "a día de hoxe ENCE non se localizaría onde está, pero tamén é certo que está onde está desde hai medio século e que nos últimos anos ten mellorado os controis e filtros ambientais". "Estamos a falar dun complexo empresarial que xera unha alta porcentaxe do PIB industrial da comarca de Pontevedra e ten un papel fundamental para o conxunto do sector forestal de Galicia", engadiu.
Relacionadas:
-
O Goberno confirma que a prórroga de Ence debe esperar ao regulamento da Lei de Costas
Por Oskar Viéitez |
-
O comité de empresa de Ence ve perigar a factoría ante as últimas medidas de Industria
Por Redacción |
-
A APDR recorre a actualización das autorizacións ambientais de Ence e Elnosa
Por Redacción |
-
O PSOE advirte que a Xunta "parece disposta" a prórrogar a concesión de Ence pola vía do silencio administrativo
Por Redacción |
-
O Goberno traslada á Xunta a solicitude de prórroga de ENCE para seguir en Lourizán
Por Oskar Viéitez |