Cuntis percibe un incremento de visitantes que chegan á vila percorrendo a Vía Mariana
Por Redacción
Preto de 150 visitantes recibiron asesoramento e información na Oficina de Turismo de Cuntis, situada no edificio da Casa de Cultura Roberto Blanco Torres, ao longo de todo o mes de xullo.
Así o refire a memoria elaborada desde a área de Turismo, na que se constata que, se ben boa parte das persoas atendidas proviñan de diferentes cidades de España, tamén requiriron de información sobre os atractivos turísticos da contorna turistas doutros países.
Estes datos confirman a tendencia positiva dos últimos anos, nun mes de xullo que estivo moi condicionado pola meteoroloxía, xa que o bo tempo non se consolidou practicamente ata os últimos dez días previos a agosto.
Con respecto á procedencia dos e das visitantes, arredor dun 78% das atención corresponderon a persoas de Madrid, Cataluña, Andalucía e Extremadura, así como de Euskadi.
Pero Cuntis tamén está consolidado como un destino e unha zona de visita moi interesante para estranxeiros, como así o amosan os datos da Oficina de Turismo. Hungría, Suíza, Bélxica ou Vietnam son algúns dos países dos que proviñan algúns dos usuarios.
Á hora de solicitar información, suscita moito interese o castro de Castrolandín, así como a historia e a ampla oferta termal de Cuntis, sen esquecer as diferentes rutas de sendeirismo existentes no municipio.
Ademais, este ano tamén se nota un incremento de persoas que están a percorrer a Vía Mariana, habilitada desde 2018. Cómpre lembrar que Cuntis é un dos 13 concellos da provincia de Pontevedra pola que pasa esta senda, que enlaza os 400 quilómetros existentes entre os santuarios de devoción mariana da localidade portuguesa de Braga e Muxía.
O alcalde, Manuel Campos, lembra que o Concello apostou desde o primeiro momento por implicarse na promoción desta vía, xa que "supón un reclamo máis a maiores para atraer visitantes e dar a coñecer os encantos do noso concello".
Á marxe das visitas particulares, hai que salientar que tamén se realizaron varias visitas guiadas, co asesoramento do técnico municipal de Turismo.
Relacionadas:
-
Proposta fotográfica para que o turismo se achegue ao #OutonoEnCuntis
Por Redacción |
-
Cuntis abre o prazo de inscrición do Cuntilín para o próximo curso
Por Redacción |
-
En Cuntis xa están pensando na volta ao cole e preparan as axudas
Por Redacción |
-
Cambados, foco de todas as miradas: "Se ao albariño lle vai ben, a Galicia seguro que lle vai ben"
Por Natalia Puga |
-
Os trens turísticos continúan en agosto con seis roteiros e con récord histórico de ocupación
Por Noticia patrocinada |
-
Presentación calorosa da estratexia turística para o "mellor lugar do mundo"
Por Anxo Lourido |