Enxeñería Forestal é a única titulación presencial do campus de Pontevedra que aínda non completou prazas para o próximo curso
Por Marisa Ciordia
O grao de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, é o único presencial que aínda non completou a súa oferta para o próximo curso universitario 2024/25. Das doce titulacións que se imparten nesta cidade, a outra excepción corresponde ao grao virtual de Dirección e Xestión Pública.
Así, dos cinco chamamentos que se contemplan - o último será na convocatoria de setembro -; no segundo chamamento xa quedaron cubertas as prazas de cinco titulacións: en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Educación Primaria, Publicidade e Relacións Públicas e Deseño.
No terceiro completáronse en Educación Infantil, Enfermería e Fisioterapia. No cuarto, finalizado xullo, ocupáronse as de Belas Artes e o grao presencial de Dirección e Xestión Pública.
No que refire ás notas de corte, seis completáronse cunha cualificación superior á requirida. Chama a atención o caso de Belas Artes para o que se solicita un 6'682 e a última cualificación admitida é de 10'324. Tamén se superan en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Deseño e Enfermería que conta coa nota de corte máis alta do campus pontevedrés, un 11'080 sobre 14 puntos.
Pola contra, catro completan prazas con notas por baixo da correspondente ao corte: Dirección e Xestión Pública (presencial), Educación Infantil, Educación Primaria e Fisioterapia, que é a segunda nota máis alta requirida para o próximo curso neste campus, un 10'956.
A nota de corte que para o próximo curso require o grao de Enxeñería Forestal é de 5'830 e a última persoa admitida conta cun 5'946. No caso do grao virtual de Dirección e Xestión Pública a nota de corte é de 7'282 e a última persoa admitida ten un 5'200.
O campus de Pontevedra oferta ata 770 prazas das 3.752 que dispón a Universidade de Vigo nos seus tres campus para o próximo curso universitario.
Relacionadas:
-
Un forno pirolítico deseñado en Pontevedra transforma restos forestais en 'biochar'
Por Oskar Viéitez |
-
O campus de Pontevedra acada un 104% de taxa de ocupación de novo ingreso nos graos
Por Redacción |
-
O novo alumnado universitario poderá coñecer o campus cunha recepción de benvida o 5 de setembro
Por Redacción |