Nauta asegura que os planos do Náutico non se corresponden coa realidade
Por Redacción
Nauta Sanxenxo, a empresa municipal encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, estuda novas medidas a adoptar con respecto ao uso que realiza o Real Club Náutico desas instalacións públicas. Ademais, dende esta sociedade analizan tamén accións a emprender con respecto aos acordos alcanzados cos equipos de vela xestionados por Pedro Campos.
Unha vez valoradas estas posibilidades, a alcaldesa e presidenta de Nauta Sanxenxo trasladaraas ao consello de administración desa mercantil de cara a tomar unha decisión ao respecto, segundo trasladaron fontes oficiais desta institución. Precisamente, ese órgano de xestión resolveu a principios do pasado mes propoñer á Xunta Xeral -integrada por toda a Corporación local- o cesamento do presidente do Real Club Náutico como membro do consello de administración de Nauta.
Por outro lado, os responsables de Nauta Sanxenxo fixeron fincapé en que os planos que o Club Náutico utiliza para defender a construción do peirao "non se corresponden coa realidade". Esta conclusión xurde logo de comparar o informe fotográfico enviado pola sociedade que xestiona o porto o pasado mes de maio a Portos de Galicia alertando da situación, coas imaxes tomadas por un particular "nas que se aprecia sen ningún xénero de dúbidas a proximidade da instalación á praia".
"Este proxecto non é asumible nin para o Concello, nin para Nauta nin para os veciños e veciñas do municipio", afirmou la alcaldesa, Catalina González, asegurando que "seguiremos adiante con todas as acción posibles para que Portos de Galicia reconsidere a súa postura e a concesión outorgada ao Náutico".