O Centro de Benestar Integrado de Soutomaior dispón xa dunha educadora familiar
Por Redacción
O Centro de Benestar Integrado de Soutomaior acaba de incorporar a unha educadora familiar para ampliar a atención en benestar social á veciñanza do municipio. A técnica atenderá á poboación tres días á semana: luns, martes e xoves de 09.00 a 14.00 horas.
Dita incorporación conleva un convenio de colaboración co Concello de Pazos de Borbén a fin de que esta educadora realice o seu traballo en ambos os concellos. A contratación prodúcese a través dunha subvención de 7.500 euros procedente da Deputación.
Á cantidade sinalada engádense fondos municipais. Así, de acordo á prestación de servizos que realice a educadora familiar, o Concello de Soutomaior achegará o 60% do montante económico e o Concello de Pazos de Borbén o 40% restante.
A concelleira de Benestar Social, Rosana Boullosa sinalaba que "se trata dunha atención mellorada, incorporando novos servizos que levaban anos sen prestarse en Soutomaior xa que o anterior goberno renunciaba anualmente a esta subvención".
O alcale, Manu Lourenzo, engadía que "con estes fondos están a levarse a cabo numerosas obras e actuacións que melloran a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas; algo do que o goberno local sente moi orgulloso".