Un verán único en Poio visitando a área arqueolóxica da Caeira
Por Redacción
A Concellería de Turismo de Poio promove a través da campaña 'Un Verán Único' as visitas á área arqueolóxica da Caeira e o seu miradoiro.
Segundo explicou a concelleira responsable da área, Rocío Cochón, "queremos poñer en valor algúns dos recursos turísticos que nos converten precisamente nun destino de calidade, máis aló do sol e praia. Queremos chegar a viaxeiros potenciais pero tamén á nosa propia veciñanza. Temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas", indicou.
Unha desas experiencias atópase na faldra do Monte da Tomba, na parroquia de San Salvador. Trátase da área arqueolóxica da Caeira, un complexo de máis de 10.000 metros cadrados onde se atopan oito rocas con figuras gravadas en granito durante a Idade de Bronce, hai uns 4.000 anos.
As persoas que queiran visitar a zona poderán camiñar entre estes petroglifos e descubrir arte rupestre milenaria mediante sendeiros e plataformas de madeira que percorren o complexo, con indicacións das distintas paradas. Desde o Concello recomendan facer a visita a primeiras horas da mañá, xa que a luz é mellor para observar os petróglifos con detalles.
Na zona encóntrase tamén o Mirador da Caeira, unha panorámica privilexiada da Ría e as Terras de Pontevedra, que para Cochón é "sorprendente e espectacular". Está situado no acceso superior á área arqueolóxica.
Desde o departamento de Turismo animan á veciñanza a participar na campaña "visitando estes lugares e sacando o móbil para presumir de Poio", compartindo as súas propias imaxes e vídeos do lugar escollido cada semana, etiquetando a @turismodepoio.
Recordan que non se deben tocar nin manipular os gravados e as rochas, danar a vexetación ou saír das plataformas e sendeiros habilitados. Tamén é importante non botar lixo nin deixar restos das visitas.
Relacionadas:
-
As Fervenzas do Pereiro, un roteiro verde e para toda a familia
Por Redacción |
-
Emotivo pregón de Jacobo Olmedo para comezar as Festas de San Salvador
Por Redacción |
-
O gaiteiro Óscar Ibáñez estará en Poio coa súa xira de aniversario Tribal XX
Por Redacción |
-
Coñeces o maior bosque de sequoias de Europa?
Por Redacción |
-
Habilitadas 50 novas prazas de estacionamento no Covelo, en Samieira
Por Oskar Viéitez |
-
Raxó amosa a recuperada bandeira azul de Xiorto
Por Redacción |
-
Reforzo na atención turística de Poio durante o verán
Por Redacción |
-
Poio participará en Fitur por primeira vez coa presentación "Tambo, embarcamos?"
Por Redacción |