O turismo en Sanxenxo, máis aló de xullo e agosto: pechan o segundo mellor xuño da súa historia
Por Redacción
O turismo, en Sanxenxo, vai máis aló de xullo e agosto. A desestacionalización é unha estratexia na que levan anos traballando o Concello e o sector e este pasado mes de xuño confirmouse. Así, acaba de pechar o segundo mellor xuño desde que hai datos no Instituto Nacional de Estatística.
Segundo a información oficial facilitada polo Concello, en xuño rexistrou 88.462 pernoitas hostaleiras. Hai que remontarse a xuño de 2019 para atopar un dato lixeiramente superior, 90.587 aloxamentos.
Outro indicativo da afluencia turística son as cifras de facturación do aparcadoiro de Nauta, situado no porto deportivo, a pesar de que coincidiron trece días de obras no Paseo de Silgar e Rúa Madrid. En total recadáronse 53.764 euros e rexistrouse unha rotación de 10.183 vehículos, os mellores datos do mes de xuño desde a súa apertura.
A cifra do INE sitúa a Sanxenxo por diante de Vigo, 87.688; O Grove, 33.560; e A Coruña, 86.917, e mantena como un dos municipios líderes en pernoitas de Galicia e o norte de España.
Segundo o INE, tan só San Sebastián (190.975), Bilbao (189.926) e Santiago (162.428) tiveron en xuño máis pernoitas.
O Concello destaca que o dato demostra o "crecemento turístico fóra dos meses de xullo e agosto" que xa vén detectando nos últimos anos e tamén insiste en que, a pesar de que o bo tempo non acompañou en xuño, "os visitantes foron fieis ao seu destino en busca de algo diferente do sol e praia".
Estas pernoitas hostaleiras son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos (9.415), xa que o municipio conta con 54.833 prazas en segundas residencias, 13.365 en vivendas de uso turístico, 4.773 en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.
Relacionadas:
-
Sanxenxo recibiu máis de catro millóns de visitas no que vai de ano
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo detectaron 1.138 incumprimentos da ordenanza de praias en xullo
Por Redacción |
-
Foodtrucks e degustacións de produtos do mar en catro puntos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Concluída a ampliación na nave de almacenamento do punto limpo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
As 17 bandeiras azuis abren a tempada estival en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Aprobadas as axudas para financiar a atención ao público nas oficinas de turismo da rede provincial
Por Redacción |
-
Sanxenxo recolle a S de sustentabilidade turística e as 18 Q de calidade
Por Redacción |
-
Sanxenxo, segunda localidade do norte de España con máis turismo en agosto
Por Redacción |