O pleno provincial aproba unha nova modificación de crédito por valor de case 10 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra correspondente ao mes de xullo aprobou este venres unha nova modificación de crédito por valor de case 10 millóns de euros, que se destinará principalmente (4,6 millóns de euros) á adquisición do Cinema Fraga en Vigo.
A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia compran a Abanca este histórico inmoble para destinalo a usos culturais a través dun convenio polo que o ente provincial achegará o 49 % dun investimento total que ascende a 9,3 millóns de euros.
O voceiro do BNG, César Mosquera advertiu de que o vicepresidente e a vicepresidenta da Deputación "queren exercer de alcalde e alcaldesa" de Pontevedra e Vigo a conta dos fondos da Deputación. Mosquera alertou de que o goberno provincial do PP está a facer investimentos "sen ter en conta os criterios dos dous concellos".
O grupo provincial do BNG propuxo crear un consorcio entre Xunta, Deputación, Concello de Vigo e Abanca para que o Teatro Fraga sexa de uso público sen custo. A proposta foi rexeitada.
Os 4,2 millóns de euros restantes desta terceira modificación de crédito destinaranse a turismo, a cultura e a obras nos municipios de Mondariz-Balneario, Oia, Salceda de Caselas e Tui.
Neste mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade unha segunda addenda ao convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo para a execución dun plan de mellora da mobilidade urbana sostible na cidade olívica.
Polo demais, o Pleno da Deputación tamén acordou prorrogar o contrato do Servizo de Conservación da Rede Viaria da Deputación ata o 1 de novembro de 2024, que é cando está previsto que entre en vigor o novo. O goberno provincial tamén reaxustou por un valor de 670.000 euros o financiamento este novo contrato de 38,8 millóns de euros.
O grupo provincial do Partido Socialista reclamou, mediante unha moción, que a Deputación ofreza a súa "solidariedade" para acoller a menores migrantes e "aliviar" a situación que se está producindo en Canarias.
A deputada socialista Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, lamentou o "bochornoso espectáculo no que a dereita e a ultradereita rivalizan no desprezo aos menores inmigrantes" e pediu á Deputación que comunique ao Goberno de España a poñer ao dispor das instalacións do centro Príncipe Felipe.
A deputada do PP, Sandra Bastos, puxo en valora o traballo que se desenvolve na cidade infantil Príncipe Felipe "que nestes momentos ten un cento por cento de ocupación" e que "cando temos algunha praza vacante ponse ao dispor da Xunta". Segundo informou, o centro Príncipe Felipe xa está a acoller a 13 menores migrantes "sen ningún referente familiar".
Os socialistas tamén defenderon outra moción na que demandaban que a Deputación de Pontevedra instase á Xunta de Galicia a que non suba o canon da xestión dos residuos, e que non obriguen a pagar á cidadanía e aos concellos a "deficiente xestión que fai de SOGAMA" que "penaliza a xestión sostible dos residuos". A iniciativa tamén foi rexeitada co voto en contra do PP.
Seguindo a sesión plenaria no Pazo Provincial estiveron un grupo de veciños de Pazos de Borbén que reclaman o arranxo da EP-7202 entre Os Valos e Amoedo debido á súa inseguridade.
Relacionadas:
-
Abren o prazo para inscribirse no programa de balnearios para maiores de 55 anos
Por Redacción |
-
Presentación calorosa da estratexia turística para o "mellor lugar do mundo"
Por Anxo Lourido |
-
Minuto de silencio na Deputación para lembrar ás vítimas do naufraxio do Argos Georgia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Aprobado un investimento de 1,4 millóns de euros para mellorar a iluminación na parroquia de Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
En marcha as obras nas instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Por Redacción |