Estudan a apertura dunha gasolineira 'low cost' na rotonda de acceso a Montecelo
Por Alejandro Espiño
O baixo custo chega ao sector dos combustibles. Logo de Santiago de Compostela e A Coruña, a empresa Puntos Bajo Coste SL puxo os seus ollos en Pontevedra para instalar na cidade unha das súas estacións de servizo 'low cost'. Está interesada concretamente nunha parcela situada na rotonda de acceso a Montecelo, xusto en fronte do local social da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente.
A empresa solicitou ao Concello de Pontevedra información urbanística sobre eses terreos con vistas a expandir a súa liña de negocio en Galicia. Baixo a denominación comercial de SBC Gasolineras preséntase como unha solución "ao problema dos altos prezos dos combustibles", segundo sinalaba recentemente unha das súas socias, Ana García, trala posta en funcionamento dos seus surtidores na capital galega.
Nestes momentos, esta estación de servizo ofrece en Santiago e A Coruña o litro de combustible entre seis e sete céntimos máis barato que os seus competidores. Aseguran que poden ofrecer este prezo debido á redución no número de intermediarios. Permanece aberta case todo o día (no caso da Coruña, as 24 horas) en réxime de autoservizo, aínda que conta con persoal de apoio para os usuarios nas horas centrais do día.
Polo momento trátase dunha consulta urbanística, polo que se descoñecen as características do proxecto ou os prazos que manexan para o seu desembarco no mercado pontevedrés.
CENTRO MEDICO EN RIESTRA
A Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra respondeu a outra consulta urbanística, neste caso solicitada por Sanitas SA de Seguros. A súa intención é acondicionar o baixo do edificio situado na rúa Riestra 13, onde ata hai uns anos atopábase unha sucursal de Caixanova, para destinalo a centro médico e servizos administrativos. Ao ser un edificio catalogado foi necesario o visto bo de Patrimonio.
Ademais, concedeuse a licenza de obras solicitada por Correos para acondicionar unha oficina no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo. Trátase dun espazo de 88 metros cadrados onde se investirán uns 28.000 euros para modificar a súa distribución e mover uns tabiques. Trátase dunha oficina que, cando abra ao público, estará dispoñible para a atención de calquera cidadán.