Estafan un vendedor do mercado de Combarro co "timo dos 100 euros"
Por Redacción
Un vendedor do mercado municipal de Poio, en Combarro, denunciou ante a Policía Local que foi vítima dunha estafa, a través do coñecido como "timo dos 100 euros".
Unha muller de mediana idade fíxolle o conto cun billete de 200 euros a este vendedor, segundo explicou a vítima na súa denuncia.
Este famoso timo consiste en comprar un produto de pouco valor cun billete de elevada contía, habitualmente de cen euros, aínda que neste caso cun de 200 euros.
Unha vez cobrado o importe, o estafador alega que non se deu conta de que posúe un billete de menor valor, xeralmente de cinco ou dez euros.
Finalmente coa trasfega de billetes conseguiron quitarlle 200 euros.
A Policía Local pide máis precaución con este tipo de expertos en estafas, que xa non é a primeira vez que sucede. Xa se reportou outro caso o pasado 2 de maio nun establemento comercial da Porteliña.