Demandan xudicialmente á UNED por impedir o uso do galego
Por Oskar Viéitez
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha demanda contra a Universidade a Distancia (UNED), por vulnerar os dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame, por escribilo en galego.
Sucedeulle ao antigo dirixente do BNG, Bieito Lobeira, que é alumno de Antropoloxía no centro da UNED de Pontevedra. Foi na materia de Teoría Sociolóxica, cuxas probas son corrixidas en Madrid.
"Para min é, desde logo, un caso evidente de discriminación por usar a lingua galega, así como a constatación de que non todos e todas somos iguais no Estado español", valorou o marinense en declaracións a Nós Diario.
A UNED defende que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán" e que, "en consecuencia", "non ten obriga de corrixilo".
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira recorda que "a UNED é unha universidade pública e, como tal, debe dar exemplo, respectando a oficiliade do galego".
"Ningunha persoa que se examine en Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame un castelán", sentencia o presidente da entidade en defensa da nosa lingua.
Despois de que o rectorado desestimase o recurso de alzada interposto por Bieito Lobeira, coa asistencia da Mesa, ésta solicita agora xudicialmente que se recoñeza o dereito deste estudante a que "un docente da UNED corrixa e puntúe o seu exame" e "se lle recoñeza o seu dereito a realizar todos os exames na lingua cooficial do territorio no que se examine".
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra acada un 104% de taxa de ocupación de novo ingreso nos graos
Por Redacción |
-
Récord de participación nos cursos de verán da UNED
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED de Pontevedra aproba o orzamento e o Plan Académico docente do curso que vén
Por Oskar Viéitez |
-
Losada inaugura un curso da UNED no Centro Penitenciario da Lama sobre dereitos "nun mundo en caos"
Por Redacción |
-
A rexuvenecer co baile na praza da Peregrina!
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |