O home que disparou á súa ex muller no Grove e se pegou dous tiros recoñece os feitos, aínda que asegura non lembrar nada
Por Oskar Viéitez
En cadeira de rodas e con máscara presentouse este martes ante a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra José Antonio P.F., o home que en decembro de 2018 protagonizou un dos episodios máis graves de violencia machista do Grove ao disparar á súa ex muller e atrincheirarse na súa casa, na que logo se pegou dous tiros.
"Reconozco todos los hechos, aunque no recuerdo nada", declarou hoxe ante o tribunal.
A fiscal preguntou ao acusado por cada un dos feitos polos que se lle acusa e aínda que o procesado recoñecía a súa autoría dixo non lembrar os malos tratos cara á súa muller, nin o quebrantamento de condena, nin a arma homicida, nin ningún outro detalle da noite dos feitos salvo que "me quedé en el sofá durmiendo".
O acusado explicou que "yo no soy capaz de soñar desde que me pasó el accidente. Se me borró todo. No tengo conocimiento de causa. A día de hoy no recuerdo nada" e engadiu que o que sabe sobre feitos polos que está a ser xulgado procede do que leu "en el periódico" e referiuse ao seu intento de suicidio como un "accidente doméstico".
A raiz daqueles feitos José Antonio P.F., estivo en coma e pasou dous meses ingresado no hospital. Cando se recuperou entrou en prisión, aínda que xa en 2020 quedou en liberdade. Nos tres últimos meses volveu ao cárcere á espera de xuízo.
Agora enfróntase a unha petición de condena de 21 anos e 11 meses de cárcere. A Fiscalía acúsalle dun delito de malos tratos habituais co agravante de que os feitos ocorreron no domicilio da vítima e en presenza da filla menor, un delito continuado de quebrantamento da pena de afastamento, un delito de asasinato con aleivosía en grao de tentativa coa agravante de parentesco e a agravante de xénero e un delito de tenencia de armas prohibidas.
A Fiscalía pedira á Audiencia que o xuízo se celebrase a porta pechada pero tan só tomouse esa medida durante a declaración da vítima tras a cal se suspendeu o xuízo. A sesión retomarase o próximo día 24 de xullo.
Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron o 5 de decembro de 2018. O home tiña en vigor unha orde de afastamento desde o 28 de agosto que lle impedía achegarse a ela por un episodio previo de violencia de xénero. Tras esa orde de afastamento, el regresara a Ourense, de onde era natural, e ela cambiara a fechadura do que fora o domicilio familiar da parella, no que residía, así como o número de teléfono, pero el logrou volver entrar en casa e alí produciuse a brutal agresión, na que resultou ferida no pescozo e a cabeza.
Aínda que todo iso ocorreu en 2018, o acusado tamén deberá render contas polos malos tratos previos, dos 25 anos de relación, entre 1993 e 2018.
Relacionadas:
-
Doce anos de cárcere por tentar asasinar a súa ex parella no Grove tras negarse a retomar a relación
Por Redacción |
-
"Para min é un alivio saber que non estará máis na rúa e que podo refacer a miña vida", afirma a muller tiroreada pola súa exparella
Por Oskar Viéitez |
-
Un fallo deixa as vítimas de violencia machista sen o sistema de protección de pulseiras
Por Oskar Viéitez |
-
Once concellos non xustificaron programas financiados contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
O home que disparou á súa ex muller e se atrincheirou na súa casa do Grove, ante 22 anos de prisión
Por Natalia Puga |
-
O home que intentou matar a disparos á súa muller no Grove, en libertade á espera do xuízo
Por Alejandro Espiño |
-
Envían a prisión ao home que disparou á súa ex parella, atrincheirouse na súa casa do Grove e pegouse dous tiros
Por Natalia Puga |
-
Un home pégase dous tiros tras disparar a súa parella nunha vivenda do Grove
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada