Emotiva homenaxe aos fusilados do 12 de novembro
Por Anxo Lourido
"Llegará un día que de tanto desafío de explotadores a explotados termine en una revolución de los esclavos", con estas palabras o avogado pontevedrés Gonzalo Adrio, de 93 años, finalizaba a súa emotiva intervención durante a homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936 no monte da Caeira.
Aquel fatídico día eran asasinados o impresor Ramiro Paz Carvajal; o avogado José Adrio Barreiro; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rei Pavón; o xornalista Víctor Casas Rey e o capitán Juan Rico González.
O acto recuperábase este ano despois de que en 2011 se tivese que suspender debido a que as obras da AVE obrigaran a retirar o monolito que se encontra na pasarela da Avenida 12 de Novembro. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, desculpou a ausencia do alcalde e no seu lugar interveu o tenente de alcalde, Antón Louro. No seu discurso fixo unha referencia á actualidade: "Cando o sistema flaquea e chegan as dúbidas... Cando millóns de cidadáns están a pasar padecementos inhumanos por mor desta atroz crise económica hai que ser tamén moi conscientes que a defensa da liberdade implica tamén a defensa duns medios adecuados de vida para todos e cada un dos galegos e dos españois. Non hai liberdade cando se arrebatan os dereitos e a dignidade".
Cunha ofrenda floral aos dez fusilados e a interpretación do himno galego finalizou o acto ao que asistiron arredor de cincuenta persoas.