As previsións de mal tempo para o sábado obrigan a modificar as actividades de Entroido en varios concellos
Por Redacción
Os nenos da Gardaría Municipal de Cambados celebraron o tradicional paseo con motivo do Entrodio dende A Pastora ata a praza do Concello dando inicio a estas festas que o sábado contarán cunha gran festa infantil a partir das 16:30 no salón José Peña. O domingo celebrarase o concurso de disfraces no mesmo espazo coa participación de Pepo Suevos. Non obstante, o desfile de carrozas, anunciado inicialmente para o domingo, trasládase ao martes por culpa do as previsións de mal tempo.
O luns 3 de marzo desenvolverase o baile infantil a partir das 16:30, tamén no salón José Peña, con animación e premios de ata 150 euros para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo. E ás 17:30 comezará o concurso de filloas con diversos premios. O mércores 5 será o Enterro dá Sardiña, travestida nun personaxe de actualidade que, segundo a organización, será a temible Cicloxénese Explosiva. Ás 19 horas, lerase o sermón e a marcha funesta dende a praza do Concello ata a praia de San Tomé onde se realizará o enterro.
SANXENXO
No concello de Sanxenxo tamén se trasladan o desfile e o concurso de disfraces infantil, neste caso, ao mércores debido á chuvia. A parada partirá ás 17.00 horas da avenida Luis Rocafort e finalizará na Praza dos Barcos. Entregaranse máis de mil euros en premios no concurso ao que poderán presentarse menores de 16 anos. Para participar terán que anotarse entre as 15:30 e as 16:30 horas no posto situado no Club de Xubilados de Sanxenxo.
Durante a xornada deste venres as Escolas Infantís Municipais do Tombo e O Revel festexaron esta festa con divertidos disfraces.
MARÍN
A previsión de chuvia e vento tamén condiciona o Entroido de Marín. A Concellería de Cultura decidiu que o Pavillón da Cañota acolla o desfile infantil para que poidan ter cabida todas as comparsas participantes. Este pavillón con asentos nas bancadas permitirá que os nenos poidan lucir os seus disfraces e celebrar a festa.
PONTE CALDELAS
O Concello de Ponte Caldelas tamén traslada a celebración do Festival Infantil de Carnaval ao salón de actos do Colexio Cordo Boullosa ante a previsión metereológica. Iniciarase as cinco da tarde con música e animación para os máis pequenos.
O martes 4 de marzo, a partir das 22 horas, levarase a cabo o desfile de Entroido, que finalizará na Alameda cunha verbena.