O Teatro Principal conciénciase sobre a diabete infantil
Por Redacción
Unhas 300 persoas uníronse este venres no Teatro Principal cun obxectivo común: tomar conciencia sobre a problemática específica da diabete entre os nenos. Responderon á convocatoria da Asociación de Nenos/as con Diabete de Galicia (Anedia), que organizou a súa I Gala Contos Coros Azuis.
A gala solidaria contou con actuacións de cuentacuentos, música e danza presentadas pola actriz Isabel Risco e especialmente enfocadas para o público infantil de entre 2 e 16 anos. A convocatoria resultou un éxito de público cun cheo total no patio de butacas e varias decenas de espectadores no resto do Teatro Principal.
Entre os asistentes estiveron unha representación do Concello de Pontevedra e a Federación Galega de Diabéticos; o xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González; o xefe de Pediatría do complexo, José Antonio Couceiro; e o xefe territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro.
A diabete é unha das enfermidades crónicas con maior incidencia na infancia e na adolescencia. Anedia recorda que os nenos e mozos con diabete poden facer todas as actividades que fan os seus iguais, pero "necesitan que os demais coñezamos as súas necesidades e saibamos actuar nas crises que poidan aparecer", de aí que decidisen organizar esta gala.
Os cuentacuentos correron a cargo de Soledad Felloza, Codia e Miolo e Raquel Queizás, que abordaron unha temática especifica para axudar a sensibilizar sobre as dificultades coas que se encontra un neno ou nena con diabetes en Galicia non vinculadas á súa propia enfermidade, senón motivadas pola sociedade que os rodea.
O apartado musical da gala correu a cargo da Coral Polifónica de Pontecesures; o Coro Infantil Melodías de Pontecesures; as solistas Mercedes Tilve e Cristina Martiño; e a pianista Irene Pérez Bornstein. Na parte de baile, actuou a Escola de Danza Clásica A Saleta.