115 homes atópanse en prisión por actos de violencia de xénero en Pontevedra
Por Redacción
A Asociación Mulleres en Igualdade organizou unha mesa de debate coa participación da secretaria xeral da Confederación de Mulleres en Igualdade e senadora por Castela A Mancha, Carmen Fúnez, acompañada por María González, voceiro da Comisión de Igualdade do Congreso; Beatriz Piñeiro, presidenta da asociación en Pontevedra e Begoña Rivera, directora do Centro de emerxencias para mulleres vítimas de violencia de xénero.
Fúnez ofreceu datos sobre este delito sinalando que dende 2003 faleceron 16 mulleres na provincia de Pontevedra e, na actualidade, 581 contan cunha orde de protección xudicial. Dende 2007 ata este ano, o teléfono do 016 recibiu 6.174 chamadas por casos relacionados coa violencia de xénero dende Pontevedra, das que 4.535 foron realizadas pola propia vítima. Neste sentido, dende a Asociación Mulleres en Igualdade fan un chamamento para que todas as persoas que forman parte do ámbito de mulleres maltratadas denuncien estes casos.
A secretaria xeral da Confederación destacou que 115 homes da provincia se encontran en prisión por casos de violencia machista e sinalou que é necesario que socialmente se destaque o feito de que estas accións levan consigo penas de cárcere.
Fúnez alertou da necesidade de destacar que os casos de violencia machista contan cunhas características específicas baseadas na continuidade no tempo e na crenza de que o home ten unha situación de supremacía sobre a muller. Tamén destacou que non se realizaron recortes na loita contra a violencia de xénero xa que, segundo expuxo, de 2013 a 2016 se van a investir 1.500 millóns de euros a través das distintas administracións aplicando 280 medidas co obxectivo de facer fronte a esta eiva social.
Beatriz Piñeiro e Carmen Fúnez destacaron a importancia de realizar campañas entre os mozos porque, segundo expuxeron, a maioría das mulleres menores de vinte anos non consideran violencia algunhas actitudes como a humillación, o illamento e mesmo os insultos. Ambas as dúas dirixentes lamenataron o falecemento de María Luisa Jiménez, a última vítima de violencia de xénero na provincia, e sinalaron que só unha de cada catro mulleres que sofren maltrato presentan denuncia.