Rueda: "A xente pode protestar, pero non impedir pola forza as obras que están amparadas pola lei"
Por Redacción
O conflito aberto entre o colectivo cidadán SOS Panadeira e o Real Club Náutico de Sanxenxo polas obras dos novos peiraos transcendeu este venres da política local, con reaccións a nivel provincial e autonómico que fan un chamamento ao diálogo fronte aos enfrontamentos destes últimos días e recordan que os traballos están amparados pola lei.
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, lamentou o sucedido nos últimos días "dende o punto de vista dos altercados públicos" e fixo un chamamento ao diálogo e a que "se fale todo o que sexa necesario, que se intente arranxar a situación", pero, iso si, "nunca perdendo de vista que hai unhas obras amparadas por unha resolución e que, polo tanto, a xente pode protestar, pero o que non pode é impedir pola forza que se fagan cousas que están amparadas polo ordenamento xurídico".
"Creo que iso o entendemos todos e iso é a base da convivencia", indicou. Recoñeceu a lexitimidade de que haxa unha oposición ás obras por parte dunha serie de colectivos e veciños, pero recordoulles que "polo que teño entendido, a disposición ao diálogo existe". Polo menos, esa é a impresión que transmitiu a Rueda o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, tras falar coa alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e o presidente do Náutico, Pedro Campos.
O número 2 da Xunta insistiu en que "hai unhas obras que se están facendo amparadas nun título xurídico, amparadas, ademais, nunha decisión que acaba de tomar un Xulgado de Cambados de que se continúen esas obras". "A legalidade hai que cumplila e se esas obras están autorizadas, esas obras se poden facer", sostén.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, fixo un chamamento á "responsabilidade por parte de todos" porque, na súa opinión, "non hai xustificación para que se estean producindo" este tipo de enfrontamentos.
Louzán fixo un chamamento ás partes implicadas a que "actúen dentro da lei" e con diálogo, pois o conflito "está chegando a un punto onde non se quería chegar" que afecta á imaxe e proxección pública de Sanxenxo no exterior. "A imaxe de Sanxenxo debería estar por enriba de todo", valorou.