Educación avanza na ampliación do Carlos Oroza fronte á construcción dun novo centro e "estase traballando xa cos planos"
Por Natalia Puga
A Consellería de Educación xa descartou de forma definitiva construír un novo edificio para acoller o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza e aposta por ampliar as actuais instalacións situadas na Cidade Infantil Príncipe Felipe. O conselleiro, Jesús Vázquez, confirmouno este xoves en declaracións aos medios e, aínda que non quixo falar de prazos, si asegurou que haberá noticias "dentro de pouco" e que "estase traballando xa con planos".
A Administración autonómica chegou a esta decisión trala polémica mantida co Concello de Pontevedra pola cesión de terreos para o novo edificio e Jesús Vázquez explicou que de haberse optado por construír o centro na parcela que cedía o Concello de Pontevedra "houbera quedado invalidado" porque "esa parcela non responde ás necesidades dun centro educativo desta magnitude".
"Ese edificio houbera quedado invalidado no momento no que os centros pasan de mil e poucas horas a 2.000 porque foi unha necesidade de adaptación á LOE e agora á LOMCE. A necesidade de novos espazos houbera feito que o edificio, si chega a estar construído, hoxe houbese a necesidade de construír un novo", insistiu o responsable galego de Educación ao inicio do I Campionato de Sumillería para escolas de hostalería Suso Domínguez organizado polo CIFP Carlos Oroza no auditorio de Príncipe Felipe.
"A necesidade de novos espazos houbera feito que o edificio, si chega a estar construído, hoxe houbese a necesidade de construír un novo"
Jesús Vázquez non quere abundar na polémica sobre a idoneidade da parcela porque considera que "é un tema que está máis que explicado xa no seu momento", pero si aclarou, en relación coas características do terreo que cedía o Concello, que "é imposible que un centro integrado de hostalería en sete plantas sexa práctico. A parte de non haber posibilidades nin de aparcamento nin de crecemento".
Ademais, xustifica a decisión de paralizar ese novo centro e estudar novas opcións de ampliación dentro de Príncipe Felipe facendo alusión á necesidade de "racionalizar" e "priorizar gastos", pois "hoxe en día, co actual crecemento deste centro xa houbera quedado invalidada esa contrución de varios millóns" e "creo que é necesario tamén darlle á cidadanía unha imaxe de racionalidade dos fondos públicos".
En relación coas xestións xa realizadas para a ampliación, avanzou que Educación está abordando o asunto coa Deputación Provincial de Pontevedra, propietaria dos terreos e que houbo conversas "que xa temos moi avanzadas" e nas que se tivo en conta ao equipo directivo do Carlos Oroza para coñecer as necesidades do centro, que pasan, por exemplo, por duplicidades de grupos ou posta e marcha de novos ciclos.
Segundo explicou, "son varias as conversas que se tiveron cos planos na mesa para ver ata onde podemos dispoñer de máis metros cadrados" e, cando as xestións estean máis avanzadas, farase unha programación plurianual de investimentos por parte da Xunta para remodelar as instalacións e adaptalas ás necesidades da normativa actual.
Relacionadas:
-
A falta de proxecto para o Carlos Oroza motiva a queixa do concelleiro de Educacion ante a Xunta
Por Redacción |
-
A Xunta lamenta que o Concello non valore o seu esforzo na mellora dos centros educativos
Por Redacción |
-
O Carlos Oroza está en 'boa vila': dá de beber (e comer) a quen pasa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello intentará que a Xunta cumpra a súa promesa e constrúa o novo centro do Carlos Oroza
Por Redacción |