Nace en Pontevedra unha asociación "plural, abierta y participativa" sobre enfermidades intestinais
Por Alejandro Espiño
No área sanitaria norte de Pontevedra hai uns 1.000 pacientes afectados por enfermidades crónicas no aparello intestinal. Todos eles, xunto cos seus familiares, amigos, profesionais médicos e persoas concienciadas con estas doenzas, teñen unha nova referencia en Pontevedra. Trátase da Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII), un colectivo de ámbito autonómico que se constituíu na cidade.
Tres dos seus directivos, Ángela Paz, Víctor Loira e Rubén Couso, presentaron este xoves a asociación ante os medios de comunicación. Os seus principais obxectivos son resolver as necesidades destes pacientes, esixir das administracións os recursos adecuados para a súa atención sociosanitaria, sensibilizar á sociedade sobre estas doenzas ou crear un lugar de encontro que facilite a comunicación e o apoio mutuo de enfermos, familiares e achegados.
Aseguran que "cada vez hay más gente" afectada por este tipo de doenzas crónicas, sobre todo entre a mocidade. "Tenemos incluso en la asociación el caso de un niño de 6 años", sinalou Víctor Loira, quen explicou que no colexio "no entienden cómo se debe alimentar un enfermo de este tipo". De aí a importancia, destacou, de espertar a conciencia colectiva sobre estas enfermidades, das que aínda se descoñece a súa orixe.
"No sabemos si se deben a factores genéticos, hereditarios o ambientales, por ejemplo", asegurou Ángela Paz, presidenta da asociación. Aparecen en forma de brotes, que se corresponden con periodos activos da enfermidade, con periodos sen síntomas, nos que diferentes medicamentos permiten diminuír as complicacións, os ingresos no hospital, a realización de probas innecesarias ou ata a necesidade de cirurxía.
Ademais, esta asociación pretende impulsar tamén actividades lúdicas, culturais e formativas. Neste sentido, prevén organizar xornadas sobre hábitos saudables, charlas sobre prevención deste tipo de enfermidades ou outro tipo de propostas que permitan aliviar o estrés dos enfermos, unha condición que pode agravar os efectos da enfermidade de Crohn ou da colite ulcerosa, dúas das doenzas crónicas máis habituais.
A ASSEII estableceu unha cota anual para os seus socios de dez euros, aínda que o seu pago é voluntario. Estes ingresos servirán para financiar as actividades do colectivo. Non abonarán nada todos os socios menores de 18 anos. Espérase que teña unha gran acollida, xa que á primeira reunión asistiron unhas 50 persoas, algunhas delas chegadas desde Vilagarcía, O Grove ou Forcarei.
PROBLEMAS DE ABASTECEMENTO DE MEDICAMENTOS
Os directivos desta asociación, constituída hai un mes, aproveitaron a súa presentación para denunciar os problemas de abastecemento da Mercaptopurina, un dos medicamentos máis comúns que deben tomar a diario os enfermos de Crohn, unha doenza que afecta a todo o sistema digestivo e que pode provocar inflamacións desde a boca ata o ano, úlceras, diarreas, sangrados e perdas de peso, ou ata problemas oculares e de pel.
Trátase dun problema que sofren "cada dos por tres". Actualmente o medicamento, que segundo Ángela Paz "nos mantiene a raya y nos previene de tener un brote serio" non está dispoñible nas farmacias de Galicia, Asturias, León ou Zamora. Esixen ao Goberno que explique as causas do desabastecemento deste fármaco, un inmunodepresor que tamén adoitan tomar os que recibiran, por exemplo, un trasplante de medula.
Relacionadas:
-
Doce enfermos de crohn e colite ulcerosa son os primeiros beneficiarios do programa "Non podo agardar!"
Por Redacción |
-
1.390 persoas na área sanitaria de Pontevedra padecen unha enfermidade inflamatoria intestinal
Por Diego Espiño |
-
O hospital Montecelo acolleu un novidoso taller con enfermos de Crohn e colite ulcerosa
Por Redacción |