A folga da quenda de oficio chega aos casos de violencia de xénero de Marín cunha baixa masiva de avogados
Por Natalia Puga
A folga da quenda de oficio que manteñen avogados de toda España desde o pasado mes de novembro deu un paso máis en Marín. Esta semana, rexistrouse unha baixa masiva de letrados na quenda especial de violencia de xénero deste partido xudicial.
Avogados consultados por PontevedraViva explican que este xoves 13 de xuño enviaron de forma masiva un escrito dirixido á Xunta de Goberno Colexio de Avogados de Pontevedra comunicando a súa "baixa na quenda de Violencia de Xénero".
A decisión será efectiva a partir do 1 de xullo de 2024, segundo consta neses escritos, aos que tivo acceso este xornal. Desta forma, a partir dese día, as vítimas de violencia de xénero deste partido xudicial non terán asesoramento de xustiza gratuíta.
Na actualidade, 18 avogados prestan servizo na quenda de violencia de xénero en Marín e pediron a baixa 17. Ademais de elaborar escritos individuais, fixeron unha solicitude conxunta a través dunha única representante.
Esta medida é resultado da evolución da folga que manteñen os avogados e tamén unha reacción directa á decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra de deducir testemuño a un avogado do partido xudicial de Cangas que non acudiu a unha vista por estar a exercer o seu dereito á folga.
Este letrado comunicou por escrito con antelación a súa incomparecencia por folga, pero foi igualmente sancionado e a semana pasada os avogados de Cangas xa decidiron unha baixa masiva da quenda de oficio de violencia de xénero en sinal de protesta. Logo tomaron a mesma decisión en Lalín e agora súmase Marín.
Esta decisión implica endurecer a folga indefinida de avogados e procuradores convocada polo sindicato Venia e insistir nas súas reivindicacións, centradas en dignificar a profesión e, de forma específica, o exercicio da Xustiza Gratuíta.
Relacionadas:
-
Alta forzosa de avogados da quenda de oficio para garantir a atención á violencia de xénero en Marín
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía solicita unha condena de 12 anos de cárcere para un home acusado de agresión sexual continuada
Por Oskar Viéitez |
-
Preto do 60% dos avogados de Pontevedra danse de baixa da quenda de oficio de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Avogados recollen firmas contra normas dos xulgados herdadas da pandemia que "no estamos dispuestas a tolerar más"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os avogados, en loita: "Somos unha peza fundamental da administración de xustiza e non se nos respecta como tal"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Avogados da quenda de oficio convocan unha concentración para visibilizar a súa protesta
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma Dignidade da Avogacía de Pontevedra traslada as súas reivindicacións ao subdelegado do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
A quenda de oficio mantén a folga e estuda novas vías de protesta
Por Oskar Viéitez |
-
O Colexio de Avogados de Pontevedra apoia o dereito á folga da quenda de oficio
Por Natalia Puga |