O PSOE advirte que a Xunta "parece disposta" a prórrogar a concesión de Ence pola vía do silencio administrativo
Por Redacción
O grupo municipal socialista no Concello de Pontevedra emitiu un comunicado no que lembra que o prazo de tres meses do que a Consellería de Medio Ambiente dispón para informar sobre a solicitude de prórroga da concesión dos terreos de Ence está a correr dende principios de xaneiro. "E a Xunta parece ben disposta a explorar a posibilidade de dar o visto bo pola vía do silencio administrativo", entenden os socialistas pontevedreses, que instan ao conselleiro, Agustín Hernández, a emitir canto antes informe ambiental negativo.
As xustificacións do conselleiro resultan "inadmisibles" a xuízo do grupo municipal socialista. "Se a Xunta considera que a solicitude de Ence non está suficientemente motivada, que falta documentación e que habería que agardar ata a aprobación do Regulamento de desenvolvemento da Lei de Costas, estamos falando de razóns máis que suficientes para emitir o informe negativo", afirman.
Por outra banda, lémbranlle ao conselleiro que a Lei indica que a Xunta debe informar unicamente "sobre os efectos que a ocupación ten sobre o medio ambiente" e debe incluír "as condicións que debe contemplar a concesión para garantir unha axeitada protección do medio ambiente". ÿ dicir, o Goberno galego "debe pronunciarse claramente sobre o impacto ambiental de Ence na ría en lugar de refuxiarse en cuestións administrativas".
"En realidade, hai un acordo absoluto para despexar a presenza de Ence na ría durante outros 75 anos"
"O que está a suceder é a escenificación teatral dunha suposta discrepancia entre o Ministerio e a Consellería para deixar pasar o tempo, cando, en realidade, hai un acordo absoluto para despexar a presenza de Ence na ría durante outros 75 anos", apuntan.
Os socialistas lembran que a lei deixa claro que, transcorrido o prazo de tres meses, o procedemento continúa por silencio administrativo positivo. "ÿ máis, se o informe se emite fóra do prazo legal de tres meses, o Estado poderá non telo en conta".
O escrito remata sinalando que "os feitos están a demostrar que o eufemismo do informe 'determinante' das comunidades autónomas durante a tramitación das prórrogas son un simple factor de distracción urdido nesta regresiva e agresiva Lei de Costas".
"Se o Goberno de España quixera dar voz ás comunidades teríalle dado rango legal de 'vinculante', o que significaría a interrupción dos procedementos ata a súa recepción e a vinculación da decisión final".
Relacionadas:
-
Vía libre para que a Xunta emita o informe sobre a continuidade de ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP di que ENCE "se precipitou" ao solicitar a prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta segue pospoñendo a súa decisión sobre a prórroga de ENCE
Por Redacción |
-
O Goberno traslada á Xunta a solicitude de prórroga de ENCE para seguir en Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta renova os permisos ambientais de Ence e Elnosa porque "son prórrogas obrigadas"
Por Redacción |
-
Ence solicita oficialmente unha prórroga para seguir en Lourizán máis alá do 2018
Por Oskar Viéitez |