O PSOE apoiará a modificación de crédito que tramita o goberno local tras chegar a un acordo co BNG
Por Alejandro Espiño
A modificación de crédito que tramita o goberno municipal, que incorporará uns 9,5 millóns de euros ao orzamento do Concello para o 2024, salvará o trámite plenario. Será, polo menos, co voto favorable dos cinco edís do PSdeG-PSOE.
Así o avanzou o portavoz socialista, Iván Puentes, despois de pechar un acordo co BNG que inclúe "máis da metade" das propostas realizadas polo PSOE para aprobar os orzamentos.
"Cando existe vontade de acordo, diálogo e entendemento, que é o que debería haber sempre entre os dous grupos políticos que conformamos a esquerda neste Concello, a gobernabilidade e o acordo son posibles", asegurou Puentes.
Garantiu que o seu partido é "fiable e confiable" e que a súa acción política está pensada en "arrimar o ombro e resolver os problemas dos veciños e veciñas de Pontevedra", polo que tras apreciar esa vontade de diálogo no goberno municipal "o acordo foi posible".
Froito destas negociacións, ambos partidos consensuaron actuacións por algo máis de 2,5 millóns de euros, segundo debullou o edil socialista, se ben tamén se acordaron cuestións que non implican un importe económico e que tamén se formalizarán.
Entre estas últimas sitúase a aceptación da cesión ao Concello por parte da Xunta das áreas verdes entre as vivendas situadas entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires para acometer aí a construción dun parque infantil e o axardinamento de toda esta parcela.
Ou ben nunha seguinte modificación de crédito ou ben no vindeiro orzamento municipal incluirase unha consignación de 250.000 euros para executar esta actuación.
Segundo Iván Puentes, o goberno local aceptou incorporar 145.000 euros para a reforma da zona verde e o parque infantil da Praza das Regas e 300.000 euros para acometer a reforma paisaxística das zonas axardinadas entre as rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña.
Haberá ademais 50.000 euros para o asfaltado do Camiño Vello de Pontevedra, na parroquia de Bora, e unha partida de 100.000 euros para a conexión da nova rede de saneamento das vivendas pendentes en Ponte Muíños.
Entre as propostas incluídas nesta modificación "a petición expresa" dos socialistas tamén hai sendas achegas de 18.000 euros para pagar os premios da aceleradora gastronómica GastroLab e para unha campaña de dinamización das Galerías da Oliva, unha axuda de 6.000 euros ao Club de Piragüismo de Verducido para a adquisición dun dragon boat, o patrocinio do Río Verbena Fest por 125.000 euros ou duplicar ata os 600.000 euros as axudas aos clubs deportivos.
O acordo inclúe ademais 80.000 euros máis para mellorar o mantemento dos colexios, 50.000 euros para elaborar os plans de ordenación dos montes de Pontevedra ou 700.000 euros para completar diversas actuacións financiadas con fondos europeos.
Relacionadas:
-
O goberno municipal celebra o "consenso" con PP e PSOE para incorporar 10,3 millóns ao orzamento
Por Alejandro Espiño |
-
O apoio do PP á modificación de crédito pasa por melloras na Parda, A Seca, A Moureira ou Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O PP advirte que "así como está" non apoiará a modificación de crédito que impulsa o goberno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Iván Puentes invita a estudar "a medio prazo" a remunicipalización do servizo de recollida de lixo en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
"Non debín delegar tanto", recoñece un Lores seguro de que este será "un dos meus mellores mandatos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Na procura de consenso coa oposición para aprobar a primeira modificación de crédito do orzamento
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra eleva o seu orzamento ata os 116,5 millóns de euros tras liquidar as contas de 2023
Por Alejandro Espiño |