Investigan o marido dunha muller desaparecida o domingo en Vilaboa
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado investigan a desaparición dunha muller en Vilaboa este domingo e ao seu marido pola súa posible implicación nesta. O home foi detido este luns en Lugo, pero non transcendeu o delito que se lle imputa. A parella tiña supostamente discrepancias conxugais.
A Delegación do Goberno en Galicia confirmou que a Garda Civil xa interrogou o marido este luns e que están a investigar o caso cualificándoo como de alto risco e tamén como un posible episodio de violencia de xénero.
A muller, de 37 anos, é natural de Poio, pero tiña a súa residencia fixada en Lugo co seu marido. Este domingo 23 de febreiro, día da súa desaparición, encontrábase vivindo no domicilio dunha familiar en Vilaboa. Foi esta persoa da súa familia a que denunciou a súa ausencia na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Aínda que á muller desaparecida non lle constan antecedentes de denuncias por violencia de xénero, os investigadores si teñen coñecemento por terceiras persoas de que o ano pasado puido sufrir un episodio de malos tratos no ámbito familiar.
Naquel momento a agora desaparecida foi contactada por efectivos policiais para facilitar a presentación dunha denuncia, pero non quixo facelo e mesmo negou posibles episodios violentos. Agora barállase que aquel episodio pode ter relación coa súa desaparición.