A Brilat enviará 120 militares a Mali
Por Redacción
A Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) enviará "aproximadamente 120 militares" a Mali para integrar un continxente europeo destinado a adestrar soldados do país.
Segundo confirmou Francisco Javier Abajo Merino, xeneral xefe da Forza Loxística Operativa (FLO) a próxima misión da Brilat esta prevista para final de ano, e participará unha compañía de Infantaría da base pontevedresa General Morillo da Brigada "Galicia" VII.
España participa dende hai un ano na misión de adestramento da Unión Europea co respaldo de senllas resolucións do Consello de Seguridade da ONU. Consiste en instruír os militares malienses que libran unha guerra contra grupos islamitas radicais.
Pola contra, en declaracións a Radio Galega o xeneral Abajo Merino non puido precisar ningunha novidade respecto a unha probable misión en Siria "en principio no hay ninguna novedad pero si hubiese alguna participación militar de España, en principio sería con algún elemento de apoyo humanitario", sinalou.
O obxectivo desta misión sería axudar a atender á "avalancha de refugiados que están saliendo de Siria", fuxindo dun conflito armado. Neste caso a Brilat non participaría en terreo sirio senón "en alguna nación circundante".