A Deputación presenta a súa liña de subvencións "Pontevedra, provincia + inclusiva"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa deputada Sandra Bastos, mantiveron este martes un encontro con representantes de entidades prestadoras de servizos sociais para presentarlles o programa "Pontevedra, provincia + inclusiva".
Neste encontro, celebrado no edificio administrativo da Deputación, Luis López trasladou o obxectivo do goberno provincial de "traballar por unha provincia máis xusta, igualitaria e inclusiva" para o que solicitou a colaboración de todos porque "a provincia non se constrúe soa e moito menos desde un despacho detrás dunha pantalla".
Sandra Bastos detallou que o Servizo de Benestar Social da Deputación de Pontevedra convoca unha liña de subvencións para investimento dirixidas a entidades sen fins de lucro de concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.
Esta convocatoria busca promover condicións de seguridade e autonomía para as persoas usuarias das entidades solicitantes, como elemento primordial para desenvolver as actividades da vida cotiá, sen restricións derivadas do ámbito físico, arquitectónico e de comunicación, dándolles a oportunidade de ter unha participación activa e de uso e goce dos diferentes espazos e recursos.
A dotación destinada a esta convocatoria é de 180.000 euros. O importe máximo da subvención para cada solicitude non poderá exceder do 80 % do seu orzamento nin da cantidade de 10.000 euros.
As solicitudes poderán conter un ou varios dos gastos subvencionables por exemplo, gastos derivados das obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles nas instalacións das entidades solicitantes, tamén se inclúen os gastos para adquirir sistemas inclusivos de comunicación, informáticos, audiovisuais, dispositivos braille, sintetizadores de voz, dispositivos de alarma mediante sinais luminosos ou acústicos ou mediante vibracións etc.
Ademais inclúense os gastos derivados de adquirir axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal como: camas articuladas, colchóns antiescaras, cadeiras de rodas (non cubertas por outro sistema público), guindastres e plataformas elevadoras, andadores, sistemas de elevación, dispositivos motorizados para subir escaleiras, cadeiras para a ducha e outras de similar natureza para o uso das persoas usuarias da entidade solicitante.