Os gañadores dos Premios Incuvi-Emprende inician o ano de prazo para convertir a súa idea en empresa
Por Redacción
Unha consultoría ambiental e unha aplicación para aconsellar os diabéticos sobre a práctica deportiva son os dous proxectos que se desenvolverán ao longo do próximo ano no Espazo Emprendedor da Asociación de Mozos Empresarios (AJE) ao ter gañado o Premio Incuvi-Emprende.
Durante esta xornada, os gañadores destes premios visitaron o espazo no que van desenvolver os seus proxectos na sede de AJE, un espazo emprendedor no que tamén se poñerán en marcha a axencia de publicidade dixital e o proxecto de optimización de zonas deportivas mediante códigos QR que foron recoñecidos cun accésit nestes premios que impulsa a Vicerrectoría de Transferencia del Conocimiento, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo.
Estes estudantes tamén reciben un bono de formación por valor de 1000 euros e poderán participar ao longo do próximo ano nas diferentes actividades formativas que se desenvolven na sede de AJE. O obxectivo é que creen sinerxías entre os proxectos que se desenvolven no campus da Universidade de Vigo con outras iniciativas empresariais.
Un dos oito proxectos gañadores dos Incuvi-Emprende foi o presentado por Carlos Leirós, estudante de postgrao na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto a Fernando Iglesias e Antonio Cabanelas, que formula unha aplicación móbil para que os diabéticos fagan deporte dunha forma segura e controlada. Noutro despacho, traballarán Fátima Otero e Manoel Ucha, dous titulados da Escola de Enxeñaría Forestal, que poñerá en valor o medio ambiente dende unha consultoría que ofrecerá asesoramento ás empresas en materia ambiental.