A Lady Gaga gústalle a Esdemga: unha das súas alumnas vestirá a artista no seu próximo videoclip
Por Redacción
Lady Gaga puxo os seus ollos na Esdemga. As creación de Eva Soto, alumna da terceira promoción dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, vestirán á popular artista nun dos seus próximos videoclips. Foi a propia cantante a que se puxo en contacto coa deseñadora para solicitarlle varias das súas prendas. Todo un pulo para a carreira desta moza, xa que os seus deseños darán a volta ao mundo.
"Foi todo moi rápido", recoñece Eva Soto, natural de Cambados. O contacto inicial, por correo electrónico, foi co estilista de Lady Gaga, "para dicirme que viran o meu traballo e que estaban interesados nalgúns dos meus deseños, para ver se había posibilidade de que llos enviara". Ela respondeulle que si e á mañá seguinte xa tiña unha nova mensaxe no seu correo, desta vez da propia artista.
Nese correo electrónico, Lady Gaga enviáballe fotografías dunha ducia de vestidos seus, que lle gustaría empregar para o seu novo videoclip. Entre eles atopábanse varias das pezas que confeccionou para o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga, presentado en Debut 2009, mentres que o resto formaba parte das coleccións que Soto presentou en Ego, a pasarela para novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid.
Soto non puido atender por completo a petición da cantante estadounidense, posto que a marxe de tempo era limitada e boa parte das prendas seleccionadas se atopaban naquel intre en Madrid, xa que están a ser utilizadas nunha sesión de Eugenio Recuenco, "un dos mellores fotógrafos do mundo", como destaca a deseñadora.
As dúas oportunidades chegaron practicamente á vez, xa que recibiu o correo de Lady Gaga xusto un día despois de enviar os vestidos a Recuenco, polo que os poucos días de prazo dos que dispuña para mandar as prendas aos Estados Unidos motivaron que só puidese dispor de tres das creacións que chamaran a atención da cantante.
Os tres vestidos que Soto vén de enviar a Estados Unidos son deseños "moi xeométricos, moi matemáticos" que continúan a liña trazada en anteriores coleccións, nas que Soto empregou como base o origami. A partires desta técnica xaponesa de pregado de papel, esta deseñadora tentou nesta nova colección "evolucionar un pouco, con esa mesma identidade, cara novas formas de pregado".
O que non varía é o seu laborioso método de traballo, no que unha peza de tea de grandes dimensións é o punto de partida dunha confección na que non hai nin cortes nin costuras, só unha infinidade de pregues. Quizais fose precisamente ese selo de identidade dos deseños de Soto o que chamou a atención da artista estadounidense.
"Explicáronme que estaban interesados en xente nova e en propostas diferentes", engade a deseñadora, que é tamén licenciada en Belas Artes e que sempre tentou dotar as súas coleccións dun "espírito artístico que faga que se distingan un pouco, xa que nos tempos nos que estamos se non apostas por algo diferente é moi difícil competir".
Eva Soto asegura que "a moda sempre foi o que mais me gustou, sempre soñei con dedicarme a isto e se che sae unha oportunidade como esta hai que aproveitala", aínda non ten moi claro como a norteamericana tivo coñecemento da súa existencia. "Varias revistas de Nova York puxéronse en contacto comigo para publicar algo sobre o meu traballo, igual ela puido ver algo", apunta esta cambadesa, que polo de agora non sabe nin en que vídeo se empregarán as súas obras nin cando se difundirá esta peza audiovisual.
Relacionadas:
-
Unha fotografía dunha estudante de Belas Artes, portada do dominical do New York Times
Por Redacción |
-
Esdemga busca modelos para o desfile co que celebrará os seus dez anos de historia
Por Redacción |
-
A Madrid Fashion Week máis pontevedresa: catro alumnos da Esdemga brillan con luz propia
Por Redacción |
-
Dúas alumnas de Esdemga seleccionadas para a pasarela Ego
Por Redacción |
-
De Esdemga á pasarela de novos talentos da Fashion Week Madrid
Por Redacción |
-
Debut 2013: Esdemga volve sorprender coas frescas e innovadoras propostas dos seus alumnos
Por Redacción & Diego Torrado |