Benito Corbal é, segundo o PP, un dos peores exemplos do "cacarexado" modelo de cidade
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra volve cargar contra o modelo urbano da cidade. Desta volta pola "chapuza" da reforma da rúa Benito Corbal, da que critican a "precariedade e provisionalidade" que mantén tres meses despois de que fora inaugurada esta actuación. Denuncian que aínda faltan moitas accións relacionadas coa dotación de mobiliario ou cos acabados desta remodelación.
O grupo municipal considera que a obra de Benito Corbal é "o peor ou un dos peores exemplos do cacarexado modelo", pois esta "vulgar" actuación na principal arteria comercial da cidade limitouse ata agora, segundo os populares, "a un pobre asfaltado e lastrado da rúa, sen apenas mobiliario urbano e moi cuestionable esteticamente".
Nun comunicado, Jacobo Moreira asegura que o "mal facer" do goberno municipal se estendeu nos últimos meses a dúas actuacións polas que preguntarán no Pleno do mércores: Blanco Porto, cuxa reforma, denuncian, "só chegou a pouco máis da metade da rúa"; e Santa Clara, "que o Concello iniciou sen ter concedido o preceptivo permiso de Patrimonio para actuar no contorno de protección do Convento de Santa Clara".
O informe desfavorable deste organismo, que culpou á obra de unificar a imaxe da cidade e contribuír á perda da súa identidade histórica, "deixou unha vez máis en evidencia ao goberno municipal, obrigando a modificar o proxecto", recorda o voceiro popular. "Agardamos que presenten un proxecto axeitado para poñer en valor todo este espazo e non se limiten a executar outra actuación parcial máis, aparcando de novo e sen solución un problema durante meses ou anos".