Este luns inician a preparación dun aparcamento en superficie en Monte Porreiro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra decidiu actuar nunha parcela municipal que non se atopaba reordenada na urbanización de Monte Porreiro.
Os vehículos utilizaban ese espazo situado entre as Rúas Alemaña e Eirín para aparcar accedendo por riba da beirarrúa e polo paso de peóns.
O goberno local ten previsto mellorar a superficie, canalizar as augas pluviais, protexer a beirarrúa e asfaltar a Rúa Eirín, neste último caso a obra vai afrontarse no mes de abril.
Alberto Oubiña, concelleiro delegado do barrio, e Xaquín Moreda, responsable de Servizos Urbanos básicos, ordenaron iniciar este luns 4 as obras para acondicionar este espazo, que permanecía en mal estado.
A asociación de veciños O Mirador solicitou esta mellora para que os vehículos teñan unha entrada e saída únicas a esta parcela protexendo as beirarrúas para evitar que se acceda por outras zonas.