Sergas e Concello de Cotobade desbloquean o traslado do centro de saúde de Carballedo
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde e o Concello de Cotobade asinaron por fin un acordo que permitirá o traslado do centro de saúde de Carballedo a un inmoble máis adecuado. A conselleira de Sanidade, Rosa Mosquera, e Jorge Cubela sentaron as bases para as obras de acondicionamento do local situado na planta baixa do centro multiusos de Carballedo, que acollerá as dependencias do centro de saúde.
En consecuencia, as dúas partes consideran adecuado o traslado do centro de saúde da parroquia de Carballedo a un novo local no mesmo núcleo poboacional, co obxecto de mellorar a accesibilidade dos usuarios e dar unha mellor resposta á veciñanza.
O local ten unha superficie de 201,50 metros cadrados e por medio desta sinatura o Concello comprométese ás obras de acondicionamento do mesmo, e o cede ao Sergas para uso sanitario, conforme a un proxecto consensuado.
Pola súa banda, o departamento que dirixe Rocío Mosquera comprométese, unha vez aprobadas e rematadas as obras, a trasladar as súas dependencias do centro de saúde emprazado no lugar da Igrexa (Carballedo) á planta baixa do inmoble antes descrito e reverter ao Concello o local onde se desenvolve na actualidade a súa actividade sanitaria.
Ademais, ambas partes comprométense a realizar as xestións pertinentes para que Cotobade forme parte da relación de concellos beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento do centro sanitario de referencia (electricidade, calefacción, limpeza e persoal), de acordo co Convenio de Colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Consellería de Sanidade; o Sergas e a Fegamp, para a realización de programas de atención e protección da saúde.
Relacionadas:
-
O novo centro de saúde de Cotobade empeza a funcionar o luns
Por Redacción |
-
Ultiman as obras para converter o multiusos de Carballedo nun novo centro de saúde
Por Redacción |
-
O novo centro de saúde de Carballedo estará rematado en tres meses
Por Redacción |
-
Patricia Vilán: ¿O traslado do centro de saúde de Carballedo responde a algún interese comercial?
Por Oskar Viéitez |