A Xunta e a Deputación entregarán aos concellos catro tractores con rozadora destinados á loita contra os incendios forestais
Por Oskar Viéitez
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron este martes un protocolo anual de colaboración para a prevención de incendios forestais na provincia dotado con 600.000 euros que serán aportados, a partes iguais, pola Xunta e o organismo provincial.
Segundo salientou Luis López, trátase do primeiro convenio deste tipo asinado entre a Deputación e a Xunta de Galicia no que "os concellos serán os beneficiarios desta medida".
José González agradeceu o compromiso amosado polo goberno provincial pontevedrés e polo seu presidente para poñer de relevo "a importancia da cooperación entre administracións nun tema tan transcendente para o noso territorio como é a loita contra os incendios forestais".
O acordo, asinado no vestíbulo do Pazo provincial coa presenza do director xeral de Defensa do monte, Manuel Rodríguez, contempla a adquisición de catro tractores con desbrozadora para a prevención e a defensa contra os incendios forestais que se porá á disposición dos concellos pontevedreses.
Ademáis, o acordo ten por finalidade a cesión de material titularidade da Deputación provincial aos propios municipios e, en terceiro lugar, a formación especializada do persoal municipal no uso de maquinaria de prevención a través do Centro Integral de Loita contra o Lume, situado no municipio ourensán de Toén e que depende da Xunta.
Despois de asinar o convenio, Luis López sinalou que os lumes son "ameazas que proveñen do despoboamento do rural" e tamén "do cambio climático que tratamos de combater" así como das "accións imprudentes ou intencionadas, pero sempre inxustificables dalgunhas persoas que danan o noso patrimonio natural".
González engadiu que a loita contra o lume "é cousa de todas as administracións e, en xeral, de toda a poboación, porque se trata dunha tarefa compartida".
Relacionadas:
-
O goberno provincial mobiliza 4,3 millóns de euros en materia de mocidade, dinamización turística e investimentos nos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e a Deputación colaborarán na prevención e defensa fronte os incendios forestais
Por Oskar Viéitez |
-
O consorcio provincial contraincendios e os representantes sindicais dos bombeiros chegan a un acordo
Por Redacción |