A CIG detecta preocupación entre os pacientes pola situación sanitaria en Pontevedra
Por Redacción
O sindicato CIG instalou unha mesa informativa no Hospital Provincial durante a mañá deste mércores 12 para recordar aos pacientes deste centro da manifestación organizada pola Plataforma SOS Sanidade Pública que se vai desenvolver o venres 14 ás 20.00 horas en Pontevedra.
O secretario comarcal da central nacionalista, Marcos Conde, indicou que esta campaña xa se iniciara no Hospital Montecelo e que ten como obxectivo denunciar a reestruturación de servizos que obrigarán ao traslado de pacientes da área norte de Pontevedra ata o Hospital de Sanitago. Segundo Conde, "isto está relacionado coas medidas de recortes" que acometen as administracións central e autonómica.
Dende a CIG denuncian a preocupación que se observa entre os pacientes: "a xente está moi concienciada. Pasamos a repagamentos, ameazas de ter que pagar as próteses, a realidade de ter que pagar tratamentos farmacolóxicos, as ameazas de se o transporte hai que pagalo, se os acompañantes terán que pagar por durmir nun sillón...", afirmou Marcos Conde que apuntou que "iso a xente mírao e ve que hai uns especuladores que queren aproveitarse de todo isto. Entendemos a sanidade ofrece servizos esencias. O sistema público é bo, funciona e é máis barato que outros aos que nos queren levar como o estadounidense". O representante sindical sinalou que temen que se estea a buscar o empeoramento do funcionamento dos hospitais de Pontevedra para que "poidan entrar as privatizacións".
Na mesa informativa tamén se recolleron firmas dentro da campaña da iniciativa lexislativa popular para presentar no Parlamento as medidas que a CIG presentou para crear emprego. "Son xusto o contrario da política que desenvolve o goberno", apuntou o responsable comarcal do sindicato.