Contacontos, música e danza para sensibilizar sobre a diabete infantil
Por Redacción
Contacontos, música e danza uniranse o vindeiro venres 28 de febreiro en Pontevedra para sensibilizar á sociedade sobre a problemática específica da diabete entre os nenos a través dunha gala solidaria organizada pola Asociación de Nenos/as con Diabete de Galicia (Anedia) que xa ten as entradas á venda a través de Servinova a tres euros.
A iniciativa bautizouse como I Gala Contos Coros Azuis e estará presentada pola actriz Isabel Risco a partir das 18.00 horas no Teatro Principal. As actuacións estarán especialmente enfocadas para o público infantil de entre 2 e 16 anos, pero a asociación confía en que os adultos que acompañen a eses pequenos "tamén gocen dunha tarde entretida ao tempo que solidaria".
Os contacontos correrán a cargo de Soledad Felloza, Codia e Miolo e Raquel Queizás e, segundo explica Anedia, "abordarán unha temática especifica para axudar a sensibilizar sobre as dificultades coas que se atopa un neno ou nena con diabete en Galicia non vinculadas á súa propia enfermidade, senón motivadas pola sociedade que os rodea. Ante todo son nenos e nenas, mozos e mozas que teñen as mesmas necesidades e desexos que os demais". "Entre todos podemos facer que non se sintan diferentes por ter diabete", indican.
O apartado musical da gala correrá a cargo da Coral Polifónica de Pontecesures; o Coro Infantil Melodías de Pontecesures; as solistas Mercedes Tilve e Cristina Martiño; e a pianista Irene Pérez Bornstein. Na parte de baile, actuará a Escola de Danza Clásica A Saleta.
A asociación tamén habilitou unha fila 0 para as persoas que non poidan acudir, pero desexen colaborar. Todos os fondos recadados adicaránse á consecución dos obxectivos de Anedia, unha entidade que naceu no municipio en abril de 2013, pero ten ámbito autonómico e conta con socios en varias provincias.
Anedia ten entre os seus obxectivos reivindicar a asistencia médica, especializada e multidisciplinar para todos os nenos con diabete; instar á Administración educativa a que proporcione todos os medios necesarios para o autocoidado da diabete; proporcionar información e unha axeitada educación diabetolóxica; ou potenciar a relación entre familiares e nenos con diabete e prestar apoio ós familiares.