Investigadores xaponeses percorren Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana
Por Alejandro Espiño
Unha delegación xaponesa da Asociación Internacional de Ciencias (IATSS) están a pasar uns días en Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Forma parte dunha investigación que están a facer en relación coa mellora da mobilidade das cidades.
Os investigadores, que están na cidade desde o sábado, mantiveron este luns un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. El foi o encargado de saudar a Takeru Shibayama, investigador senior no Instituto de Transporte da Universidade Tecnolóxica de Viena.
A delegación puido escoitar de primeira man o proceso de transformación da cidade, tanto nas palabras do rexedor como do director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle.
Shibayama vén acompañado por outros dous profesores de distintas universidades do Xapón e a súa intención é centrar a investigación na mellora da mobilidade das cidades e os indicadores chave de rendemento pertinentes utilizados na elaboración e supervisión de políticas.
Nas súas palabras, a delegación indicou que queren comprobar "como melloraron as cidades pioneiras na mobilidade a pé na cidade e que tipo de indicadores e métodos de avaliación utilizaron para isto".
Ademais da distinta documentación que lle foi entregada durante a xuntanza, o director xeral de Seguridade realizoulles unha visita guiada polo centro da cidade para comprobar in situ os distintos fitos acadados por Pontevedra.
Pola súa banda, o alcalde da Boa Vila amosouse moi compracido por seguir espertando o interese de distintas organizacións e universidades internacionais.
"Neste caso quixeron coñecer o modelo de Pontevedra pola proxección acadada e están neste intre percorrendo a cidade e estudando que fixemos e como o fixemos", indicou.
Relacionadas:
-
The New York Times e cidades de Colombia e Corea do Sur, interesados no modelo Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra acollerá en 2025 un congreso sobre desprazamento activo, saudable e sostible
Por Alejandro Espiño |
-
Un equipo de mestras de Murcia estreitan lazos co CEIP da Laxe para avanzar no modelo educativo do futuro
Por Oskar Viéitez |
-
Lores, "o alcalde que priorizou os peóns antes de que estivese de moda", segundo a cadena estadounidense Bloomberg
Por Alejandro Espiño |
-
Representantes de Brasil e Italia visitan 'a cidade dos 15 minutos' dentro do proxecto 'AcessoCidades'
Por Oskar Viéitez |
-
Así ve a cidade de Pontevedra a revista estadounidense Fast Company
Por Alejandro Espiño |