Turespaña referenda a Sanxenxo como o municipio galego con máis distintivos de calidade
Por Redacción
Sanxenxo volve ser este ano o municipio galego con maior número de certificacións de calidade turística SICTED.
Este ano serán un total de 92 as firmas, tanto do sector privado coma do público, que dispoñerán deste selo do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (Sicted), un produto de mellora da calidade promovido polo Instituto de Turismo de España (Turespaña) e a Federación Española de Municipios e Provincias, que traballa con empresas e servizos turísticos de ata 30 oficios diferentes, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.
O comité interdestinos do Sicted ratificou a proposta remitida o pasado mes de decembro a Mesa para a Calidade Turística de Sanxenxo con 18 candidaturas. Entre elas encóntrase a Casa Mariñeira de Portonovo, a Oficina de Turismo do CETS en Portonovo, catro hoteis-apartamentos, dous bares-cafetaría, un restaurante e nove taxis. Á súa vez, outros oitos establecementos renovan nesta edición o galardón que se concede con carácter bianual.
A concelleira responsable de Turismo, Almudena Aguín, afirmou que "para nós como representantes da Administración local é unha gran satisfacción comprobar como ano tras ano os empresarios de Sanxenxo se implican coa calidade ao entender que constitúe un valor que nos fai competitivos con outros destinos tradicionais".
Almudena Aguín incidiu en que este destino turístico tamén encabeza na Comunidade outro prestixioso selo, a Q de Calidade, que ostentan 13 establecementos.