Convocan os estudantes a unha folga contra a Lei Wert o 20-F
Por Redacción
Os estudantes de ensinanzas medias e universitarias están chamados a participar na xornada de folga contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) organizada para o 20 de febreiro polas organizacións estudantís nacionalistas galegas, Agir, Comités e Liga Estudantil Galega.
A protesta contra a tamén coñecida como Lei Wert débese, segundo explicaron representantes destes colectivos, aos recortes nas axudas e na investigación, ademais do aumento das taxas. Tamén rexeitan o apoio do Goberno á educación privada e á segregación por sexo, tal e como recollen nun manifesto asinado polas tres agrupacións estudantís onde expoñen que a Lei "reforza un programa ideolóxico sustentado na submisión da muller ao home ao dar maior importancia á relixión católica na educación".
O paro convocado para estudantes, aínda que tamén está invitado o profesorado e as Asociacións de Pais e Nais de alumnos, desenvolverase o 20-F cunha manifestación en Pontevedra que percorrerá o centro da cidade a partir das 12.00 horas. Partirá da Praza da Peregrina e rematará no mesmo punto despois de dirixirse ata a Praza de España e discorrer por outras zonas céntricas como García Camba, Joaquín Costa, Cobián Areal ou Benito Corbal.
Ao longo desta semana, os convocantes realizarán asembleas abertas en diferentes centros de ensino e no campus da cidade.
Segundo os convocantes, nesta nova convocatoria intentarán obter un seguimento similar ao que lograron durante a folga do 24 de outubro de 2013 na que, segundo expuxeron, conseguiron "un apoio masivo baleirando as aulas do país".