A Xunta compromete 6 millóns de euros para a rehabilitación de Santa Clara
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este venres un convenio de colaboración a través do cal o goberno autonómico comprométese apoiar economicamente con 6 millóns de euros o proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara.
Este apoio económico se materializará nas anualidades do 2025 e 2026. Ademáis, o convenio recolle a creación dunha comisión de seguimento con representantes de ambas as dúas institucións, así como o compromiso da Deputación e da Xunta para tramitar todos os instrumentos xurídicos precisos tanto para a reforma e conservación das infraestruturas, como para a colaboración económica. Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro do 2026.
Rueda e Luis López referíronse a este acordo como unha "mostra da cooperación entre as institucións autonómica e provincial".
E, neste sentido, o presidente da Deputación lembrou que no último ano asinouse a transferencia do Pazo de Lourizán, da Escola de Cantería e iniciouse a dos centros educativos de Príncipe Felipe, entre eles o CIFP Carlos Oroza.
O presidente provincial dixo que a sinatura deste convenio supón "unha alianza para garantir o futuro de Santa Clara como referencia da Cultura galega" e tamén é "un exemplo de lealdade institucional para facer máis cidade e máis provincia, que confío que sigan outras administracións".
O vindeiro martes o goberno provincial ten previsto aprobar o expediente de contratación do proxecto, un trámite que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros. "E se todo sae ben, aquí a previsión é que as obras comecen no ano 2024", declarou Luis López "a nosa ilusión e obxectivo é que Santa Clara se inaugure no 2027 e coincidindo coa celebración dos cen anos do Museo de Pontevedra".
Pola súa banda, Alfonso Rueda salientou que este convento "é historia de Pontevedra" xa que ao seu arredor "foise construíndo parte da cidade e, a súa maneira, influíu no que hoxe é Pontevedra".
Antes da sinatura deste acordo Rueda fixo un percorrido polo convento "é a primeira visita que podo facer", dixo, "non coñecía o resto das marabillas" do convento das clarisas. "Eu vivo aquí moi cerca, nun edificio xusto á altura, onde non se ve nada", comentou o presidente.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta incidiu na importancia de "poñer en valor" o "inmenso" patrimonio histórico e cultural que ten a comunidade galega e que supón un atractivo turístico para atraer novos visitantes, como neste caso para coñecer un monumento "tan valioso, tan simbólico, que está no centro, no centro literal da cidade de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Nova ronda de visitas guiadas ao recinto conventual de Santa Clara
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A Deputación adxudicará este venres a Nieto Sobejano o proxecto e dirección de obra da rehabilitación de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide ao Goberno de España que se implique economicamente coa rehabilitación de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
Arranca o procedemento administrativo da reforma de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
Esnaquizaba o anterior proxecto os xardíns de Santa Clara? "Lo que te garantizo es que no se destrozan ahora", asegura Fuensanta Nieto
Por Oskar Viéitez |
-
Lores ve un "pouco pobre" os 6 millóns prometidos por Rueda para Santa Clara
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez agarda que en 2027 estea finalizada a reforma de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |