Sanxenxo suma 95 novos colectores ao servizo de recollida de lixo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo iniciou esta semana o reforzo da dotación de colectores de lixo que están repartidos por todo o municipio coa finalidade de mellorar o servizo que ofrece aos veciños.
Así o confirmou o concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, quen explicou que o aumento do número de recipientes se debe tamén á pretensión de incrementar o volume de recollida selectiva de residuos "xa que é unha medida beneficiosa para o noso ámbito coa que os cidadáns poden contribuír de xeito directo".
Á súa vez, o edil recordou a incidencia positiva que esta práctica ten nas arcas municipais "tendo en conta que hai fraccións como a do vidro que ten custe cero para o Concello, o cal redunda tamén nos veciños".
Son case un centenar os novos colectores que a empresa concesionaria desta prestación comezou xa a colocar nos puntos de recollida existentes. "Case todos estarán dedicados a reforzar os emprazamentos actuais, aínda que tamén está previsto crear algún novo", explicou José Luis Rodríguez, quen subliñou que a pesar diso "non contamos con petición algunha realizada por particulares ante o departamento que dirixo para habilitar máis puntos".
Dos 95 elementos que a firma Ascan empezou a distribuír, 55 están destinados á recollida selectiva, de forma que 25 corresponden á franxa amarela, dedicada a envases de plástico, latas e cartón; outros 25 a papel e cartón; e cinco máis complementarán o servizo de reciclaxe de vidro "para o que recentemente xa colocamos outros 25 conlectores", asegurou Rodríguez Lorenzo. Os 40 recipientes restantes serán para materia orgánica.
LIMPEZA DE COLECTORES
Por outro lado, o edil delegado de Medio informou que a empresa Ascan acometeu nestes días a limpeza de todos os colectores de carga traseira amarelos e verdes, tanto aqueles situados no rural como en zonas urbanas. A partir da próxima semana esta actuación centrarase nos recipientes de carga lateral.