Organizan un microconcerto terapéutico na unidade de Reanimación de Montecelo
Por Redacción
A unidade de Reanimación do Hospital Montecelo acolleu este xoves un microconcerto terapéutico de Nadal no que se interpretaron sons tradicionais desta época para acompañar e amenizar aos pacientes ingresados e aos profesionais que prestan servizo nesta área.
Un grupo musical integrado por Nerea Sieiro, Yago Casalderrey, María Rodríguez, Carlota de Cabo e Natalia Outón, intérpretes de piano e guitarra, levou a cabo esta actuación con varias pezas e harmonías de Nadal.
Dirixido aos pacientes e persoal asistencial, en colaboración cun centro de formación musical da cidade de Pontevedra, o microconcerto terapéutico sorprendeu gratamente aos familiares que agardaban no entorno sanitario de Montecelo.
Esta iniciativa de humanización busca envolver aos pacientes nun ambiente de confianza e confort durante a súa estadía, aproveitando o efecto tranquilizante das melodías.
Segundo a xefa de servizo de Anestesioloxía e Reanimación da área sanitaria de Pontevedra, a doutora Marina Varela Durán, "está demostrado que a música logra reducir a ansiedade en certos pacientes ".
Así, esta terapia alternativa "permite facer fronte a determinados síntomas e da dor asociados a certas enfermidades", engadiu a doutora Varela, que explica que as melloras da frecuencia cardíaca, respiratoria e da presión arterial son outros dos efectos beneficiosos constatados.