Moreira insinúa contactos de Lores coa Pokemon e Mosquera asegura que "lle faltan moitísimos fervores"
Por Alejandro Espiño
A aparición de Miguel Anxo Fernández Lores, citado por un terceiro nunha conversación, no sumario da Operación Pokemon, é o argumento esgrimido polo portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, para esixir ao alcalde que ofreza "explicacións públicas" sobre o proceso de adxudicación de contratos no Concello de Pontevedra e as "relacións e intereses" existentes coas empresas que prestan servizos no municipio.
Moreira recoñece que o nome de Fernández Lores aparece no sumario a través dunha "referencia indirecta", é dicir unha persoa que asegura que o alcalde tería mantido un suposto encontro con representantes dunha compañía implicada na Pokemon con respecto a unha concesión municipal. Matiza que dita referencia "carece por suposto de calquera valor probatorio", pero asegura que espertan os "receos" nos populares.
O sumario coincide, sinala o portavoz do PP, con "moitos meses de revelacións" de supostas irregularidades nas renovacións contractuais de certas empresas co Concello de Pontevedra "facendo caso omiso das serias advertencias emitidas por altos funcionarios municipais". Jacobo Moreira quere que Lores aclare se son certos estes contactos con empresas e os términos nos que se producen.
Nun comunicado remitido aos medios, Moreira cita expresamente as dúas prórrogas concedidas a Elsamex para o contrato de mantemento de xardíns, as catro a Serviocio para as piscinas de Campolongo ou as dúas a empresas do grupo Ferrovial para a limpeza e mantemento do Pazo da Cultura. Súmao á "blindaxe" do crematorio de Funespaña e supostos "pagos irregulares" á empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar.
DURA RESPOSTA DE MOSQUERA
"Parece que lle faltan moitísimos fervores", di Mosquera, e afirma que o PP "ten un problema moi severo con quen ten á fronte na cidade"
A resposta do Concello de Pontevedra chegou a través do concelleiro César Mosquera, ao atoparse Miguel Anxo Fernández Lores en Bruxelas. Afirmou que "este rapaz anda moi desnortado" e suxeriulle ao portavoz do PP que se quere falar de corrupción "que pregunte no seu partido", recordando a vinculación de membros do Partido Popular con esta trama "noutras cidades onde lle poden explicar todo isto".
Mosquera reiterou que ao goberno municipal de Pontevedra "xa lle poden buscar por arriba ou por abaixo que é público e notorio que a liña de ecuanimidade e honradez que se segue desde hai anos é absolutamente indiscutible". Recoñeceu que ao redor do Concello "evidentemente pode haber xente con prácticas non correctas", pero insistiu que é "radicalmente falso que entrásemos aí".
O edil nacionalista sinalou que a Jacobo Moreira "parece que lle faltan moitísimos fervores" e afirmou que o Partido Popular en Pontevedra "ten un problema moi severo con quen ten á fronte na cidade". Recordou que outros alcaldes do PP aparecen citados do mesmo xeito no sumario, como José Crespo, alcalde de Lalín e vicepresidente da Deputación "e a nós non se nos ocorrería preguntarlle nun Pleno". Con actitudes así, dixo, "descualifícase a si mesmo".