Música, maxia e moita ilusión en Soutomaior para as horas previas á Noiteboa
Por Redacción
Soutomaior encheuse de actividade nestas horas previa á Noiteboa. Fíxoo cunha chea de propostas lúdicas e festivas encadradas no programa "O Nadal das Persoas".
Desde o venres tivo lugar a Mostra de Nadal, na carpa instalada na Alameda de Talo Río, na que o público puido gozar de arte, deseño, literatura e moito máis.
Neste mesmo espazo tivo lugar o espectáculo de Peter Punk "Chungo que te cagas", unha cita que encheu de sorrisos, alegría e malabares a carpa de Nadal; e a visita do apalpador, que repartiu castañas a cada un dos rapaces que se achegaron pola súa casiña.
A xornada do sábado comezou coa actuación de "Contos e cantos de Nadal", protagonizada por Uxía, Sergio Tanus e Santiago Cribeiro, que rematou con parte da familia María Fumaça, entre os que non faltaron Carlos Blanco, Ana Senlle, Blanqui ou Tatán.
Xa pola tarde Papá Noel estivo presente na súa casiña recibindo as pequenas e pequenos, que lle trasladaron os seus desexos para estas datas.
Ademais, todas as familias puideron gozar do Tren da Maxia de Nadal que fixo un percorrido polas rúas de Arcade con parada na Praza de Cima de Vila, onde os pasaxeiros puideron realizar xogos de búsqueda relacionados co Nadal; e do espectáculo da compañía Magia en la manga.
E este domingo Papá Noel continuou pola mañá recibindo as pequenas e pequenos e os desexos dos máis rezagados, e tivo lugar a actividade solidaria Panxoliñas á Rúa onde un grupo de voluntarios do concello foron cantando panxoliñas polos barrios de Soutomaior.
A media mañá a música chegou á sesión vermú en Talo Río a cargo do grupo Tabernarios, composto por Victor Movilla e por Marcelo Dodode; e xa pola tarde, a música continuou da man de DJ Smile de Tosho_Events.