O Hospital Montecelo cumpre os seus primeiros 50 anos cun futuro prometedor
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Todos os que somos de Pontevedra temos unha historia en Montecelo", sinalou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda durante a súa intervención no acto organizado este mércores para celebrar o 50 aniversario deste hospital.
Un acto multitudinario no que se lembraron numerosas anécdotas vividas durante este medio século pero tamén se destacou o futuro prometedor deste centro sanitario que o próximo ano 2024 contará co novo edificio, de modo que "os 50 anos seguintes de Montecelo están a punto de empezar", afirmou Rueda.
Pero máis aló das infraestruturas o acto serviu para reivindicar ás persoas que traballaron durante estes anos en Montecelo, "eles son o realmente importante".
A todos eles deu as grazas o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que sinalou ao hospital pontevedrés como exemplo dunha sanidade "pública, exemplar de calidade" destacando que en Montecelo "salváronse as vidas de miles de pacientes".
Aproveitando a presenza de Rueda o alcalde apuntou que unha vez posto en marcha o novo hospital, "queda para concluír unha solución similar para pacientes crónicos" en referencia á proposta do Concello para manter o uso sanitario do Hospital Provincial, algo que ve compatible con "o uso universitario para Enfermería Rehabilitación ou formación dos traballadores sanitarios".
Neste acto tamén interviñeron o xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, José Flores, o médico Blanco Lobeiras e a enfermeira Ramona Rubianes Soto, "Monecha", os tres coincidiron en sinalar o esforzo diario de todo o persoal sanitario, a quen agradeceu o seu compromiso e vocación.
EXPOSICIÓN CONMEMORATIVA
O Hospital Montecelo tamén acolle estes días unha exposición conmemorativa dos seus 50 anos de historia que pode visitarse no vestíbulo do salón de actos.
A mostra está composta por máis de 130 fotografías sobre a evolución e distintos fitos do centro sanitario pontevedrés dende a súa apertura no mes de novembro de 1973. A fachada principal do hospital tamén estrea estes días dous carteis conmemorativos de gran formato para celebrar esta efeméride.